A resposta 'viral' de Rodrigo Cuevas a Adrián Barbón: "Negacionismos non, en Asturias fálase galego"

O presidente de Asturias sementou a polémica logo de afirmar que entre os ríos Eo e Navia non se fala galego, senón eonaviego.
O artista asturiano Rodrigo Cuevas, nun concerto. (Foto: Europa Press)
photo_camera O artista asturiano Rodrigo Cuevas, nun concerto. (Foto: Europa Press)

O presidente asturiano, o socialista Adrián Barbón, desatou esta cuarta feira a polémica nas redes sociais cunha mensaxe na que defendía que na Asturias occidental, entre os ríos Eo e Navia, "non se fala galego". "Fálase fala eonaviega", alegaba, en alusión ao idioma que, segundo os consensos lingüísticos e a lexislación vixente, é falado neste territorio, o galego-asturiano ou galego de Asturias.

A estas palabras seguíronas as de centos de usuarios e usuarias que entraron nun intenso debate no que salientou a participación do artista folclórico asturiano Rodrigo Cuevas, que comezou replicando que Barbón caese en "negacionismos". "A ciencia di que é o galego o que se fala en Asturies", dixo, nunha mensaxe escrita orixinalmente en asturianu.

E puxo como exemplo casos como o do catalán para se referir ao galego de Asturias: "Igual que hai catalán en zonas de Aragón ou castelán en media Latinoamérica", dixo, para logo sentenciar que "non te fai menos asturiano" denominar, tal e como recolle a lei, "galego" ao idioma propio da poboación que reside entre o Eo e o Navia.

O presidente de Asturias quixo responderlle citando algúns exemplos de institucións que recoñecen o termo "eonaviego", como a Academia de la Llingua Asturiana, e Cuevas proseguiu o debate.

Moitas outras persoas seguiron a sumarse á discusión e o músico replicou, cando foi interpelado a respecto da diversidade lingüística e toponímica dalgúns concellos asturianos: "Iso é porque é unha variedade, deliciosa e fermosa. Tampouco algúns andaluces din aceituna, din aseituna, pero falan castelán".

Comentarios