Rexistrada no Congreso unha iniciativa para garantir a “pluralidade e igualdade” lingüística no Estado

A Mesa recibe “esperanzada” a iniciativa para “ garantir o uso da lingua propia a toda a cidadanía”

Liberdade, igualdade, democracia no Congreso dos Deputados_01
photo_camera Liberdade, igualdade, democracia no Congreso dos Deputados_01

Unha Proposición non de lei (PNL) que recolle parte do manifesto ‘Liberdade, igualdade, democracia’ presentado en febreiro polas entidades sociais polas linguas foi rexistrada esta quinta feira no Congreso español coa sinatura de BNG, Compromís, PNV, EH Bildu, JxCat, PDCAT, ERC, CUP, Más Madrid e Podemos.

A Mesa pola Normalización Lingüística amosouse “esperanzada” por este paso, unha Proposición non de lei (PNL) “para garantir o uso da lingua propia a toda a cidadanía”. A iniciativa recolle o sinalado no manifesto Liberdade, igualdade, democracia presentado polas entidades sociais de defensa da lingua o pasado febreiro no Congreso.

Para o presidente da Mesa, Marcos Maceira, "este é un paso pequeno mais de grande relevancia para que o Estado comece a tratar con igualdade a toda a cidadanía, para podermos vivir nas nosas linguas coa mesma facilidade, coa mesma dificuldade, que un cidadán de Madrid en castelán".

Se esta PNL for finalmente aprobada, Maceira espera que teña consecuencias prácticas para que en vez de "especial respecto e protección" haxa o mesmo tratamento, a todos os niveis, nos distintos territorios. "Nin máis nin menos", sentencia, "porque o racismo lingüístico non pode ter o amparo do BOE".

Esta iniciativa partiu do manifesto Liberdade, igualdade e democracia, elaborado polas entidades sociais de defensa das linguas do conxunto do Estado froito dunha reflexión conxunta derivada da necesidade de pór enriba da mesa compromisos políticos concretos que servisen para dar seguridade, garantías e pleno recoñecemento no Estado a todas as linguas proprias.

Segundo o presidente da Mesa "un Estado debe ser excluínte con todas as discriminacións sexa cal for a súa razón, tamén a lingüística", polo que "se de verdade se quixeren avances na democracia e no recoñecemento de dereitos humanos débese sinalar  a diferenza con eses partidos que atacan a pluralidade e a diferenza en todas as súas formas, tamén na lingüística".

O manifesto contou coa implicacións de diversas entidades de todo o Estado, ademais da propia Mesa pola Normalización Lingüística, como Kontseilua (Euskal Herria), Ómnium Cultural, Ciemen e Plataforma per a Llengua (Cataluña), Acción Cultural do País Valencia (País Valenciá), Obra Cultural Balear (Illas Baleares), Nogará (Aragón) ou Iniciativa pel Asturianu (Asturias).

Os axentes sociais do Estado coidan, ademais, que os compromisos marcados na súa proposta foron avalados tanto nas Recomendacións do Comité de Ministros como nas do Comité de Expertos da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, no último informe sobre o seu cumprimento por parte do Estado.

Néstor Rego salientou que o Estado español na práctica non recoñece a súa realidade plurilingüe e sinalou que "a Administración Xeral do Estado e ou a de Xustiza non garanten que os cidadáns e cidadás da Galiza poidan usar a súa lingua, tal e como veñen sinalando as principais entidades sociais de impulso, normalización e defensa das linguas propias".

Comentarios