De Kiev a Kíiv: a RAG adapta ao galego os nomes das principais cidades ucraínas

A RAG abordou a adaptación dos topónimos galegos. (Foto: Real Academia Galega)
photo_camera A RAG abordou a adaptación dos topónimos galegos. (Foto: Real Academia Galega)

A Real Academia Galega (RAG) vén de informar nun comunicado da aprobación por parte do seu Seminario de Onomástica da adaptación ao galego de varios toponimos ucraínos. Entre eles o da capital e as principais cidades de Ucraína.

O Seminario de Onomástica da RAG basouse maioritariamente nas recomendacións do grupo de expertos en nomes xeográficos da Organización das Nacións Unidas (ONU), basadas no respecto ás formas de cada topónimo na súa lingua orixinal

Naqueles casos nos non é posíbel facelo, "debido á existencia de formas históricas na tradición de cada lingua ou a problemas de transliteración cando os nomes proceden, como sucede cos ucraínos, dunha lingua que se escribe con caracteres diferentes". Nestes casos, ponderouse o equilibrio entre as linguas veciñas e internacionais e a lexibilidade para a comunidade galega 

Así, Kiev (topónimo ruso estendido) dará paso a Kíiv, xa que a academia explica que "é a forma máis adaptada ao sistema vocálico galego acorde coa propia denominación oficial ucraína". Esta forma baséase no exónimo ucraíno Kyiv.

Outros topónimos

No caso daqueles topónimos que presentan o son fricativo velar xordo, ausente do sistema consonántico galego, optouse por manter a grafía internacional, que emprega o dígrafo kh, é adaptar o resultante á acentuación da lingua galega. É o caso de Khersón e Khárkiv.

No caso de Leópolis/Lviv, a RAG decidiu considerar correctas as dúas formas. Lviv, ao igual que Kyiv, trátase dun exónimo baseado nun sistema de transliteración que parte da pronuncia autóctona do nome. Leópolis é a forma grega coa que foi coñecida a cidade (así se lle chama en portugués, castelán e italiano).

Outros topónimos tratados polo Seminario de Onomástica son os seguintes: Belarús (xentilicio belaruso/belarusa, bielorruso/bielorrusa), Mariupol, Luhansk, Donbás, río Dnieper, río Donets, Donetsk, Sebastopol, Odesa, República Moldova (moldovo/moldova).

Comentarios