Henrique Monteagudo: "Sexa cal sexa a súa denominación, as falas de entre Eo e Navia son variedades do galego"

O informe da Real Academia Galega sobre a proposta de declarar a oficialidade  do galego en Asturias -aínda que só no marco local- está provocando reaccións que mesturan o político co lingüístico. Falamos con Henrique Monteagudo, Catedrático de Filoloxía Galega e vicesecretario da RAG para delimitar os dous campos.

Henrique Monteagudo é catedrático de Filoloxía Galega. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Henrique Monteagudo é catedrático de Filoloxía Galega. (Foto: Nós Diario)

Hai algunha dúbida sobre que as falas da fronteira occidental asturiana son variantes do galego?

A lingüística románica sempre considerou que conforman unha variedade do galego non moi distinta, por outra parte, das falas veciñas das comarcas lucenses. As propias persoas falantes dun e doutro lado da fronteira administrativa son conscientes de que empregan a mesma lingua. 

O informe da RAG critica a escolla do glotónimo "eo-naviego", que parece ter como finalidade, di, "facer invisíbel a existencia do galego" en Asturias.

A propia Academia da Llingua Asturiana recoñeceu a denominación galego-asturiano que foi a denominación máis frecuente xa desde Murguía. Ese nome recoñece unha variedade do galego que tamén é asturiana. Máis desde hai unhas décadas foi materializándose un cambio: primeiro empregando o termo astur-galaico, e logo, eonaviego, que en realidade é un glotónimo acuñado para designar unha variedade dialectal do galego. Detectamos esa a tendencia a difuminar a orixe desas falas nalgunhas entidades de ámbito asturiano e a Academia ten o deber de subliñar que, sexa cal sexa a denominación que se empregue, trátase de variedades do galego. 

Eonaviego parece querer insinuar unha fala de transición entre o galego e o asturiano. 

Dentro da zona eonaviega existe, claro, unha franxa de transición entre galego e asturiano, na zona máis oriental, pero as falas propias desa área son galegas ao cento por cento.

O caso asturiano é máis complexo porque, pretendendo a cooficialidade do asturiano, existe un sector que se empeña en situar o galego de Asturias na órbita desa lingua.

Teme a Academia que poida suceder o mesmo que co catalán de Aragón, que acabou coa denominación oficial de LEPAO (Lengua Aragonesa Propia del Area Oriental)? 

No caso de Aragón, o cambio deuse nun contexto en que o recoñecemento que se lle dá ao propio aragonés é mínimo ou nulo: do que se trataba, en última instancia, era de reafirmar a exclusividade do castelán. O caso asturiano é máis complexo porque, pretendendo a cooficialidade do asturiano, existe un sector que se empeña en situar o galego de Asturias na órbita desa lingua. 

A RAG pide que se recoñezan os dereitos lingüísticos deses falantes en toda a comunidade asturiana. 

Nas propostas que hai sobre a mesa o recoñecemento dáse exclusivamente no ámbito local. Iso está moi ben, pero non é suficiente. As que chamamos minorías transfronteirizas -comunidades que falan unha lingua que é oficial no outro lado da fronteira mais non no propio- precisan dunha equiparación de dereitos e para iso é necesario recoñecer a oficialidade plena. Igual que nós reclamamos a oficialidade do galego no plano estatal. 

Cal é a vitalidade destas falas? 

Relativamente boa, incluso en comparación coas propias falas asturianas. Estamos falando dun catro ou cinco por cento da poboación de Asturias. Ten problemas de transmisión interxeracional, como o propio galego, pero é unha lingua viva, non se trata dun fósil en absoluto.

Temos unha Lei de Normalización Lingüística que estipula de forma taxativa que a Xunta é responsábel dos dereitos dos falantes do que denomina “galego exterior"

Que lle parecen as reaccións ao informe da RAG? 

Pouco meditadas. Por suposto, a situación debe arranxarse no marco asturiano, pero o Estado Español asinou a Carta europea para as Linguas Rexionais e Minoritarias que ten como principio básico o recoñecemento das minorías lingüísticas e de que, no marco da UE, as fronteiras administrativas non poden significar merma dos dereitos lingüísticos.

Debería a Xunta de Galiza mediar para non perder a oportunidade de que o galego sexa oficial en Asturias? 

Temos unha Lei de Normalización Lingüística que estipula de forma taxativa que a Xunta é responsábel dos dereitos dos falantes do que denomina “galego exterior”. Entendo que politicamente a cuestión é delicada, pero esa obriga legal existe.

Comentarios