Ana Boullón: "A onomástica permítenos crear a nosa biografía xeográfica, individual, familiar e colectiva"

A filóloga ingresou este sábado como membro de número da Real Academia Galega cun discurso dedicado á historia dos nomes propios, os apelidos e os topónimos galegos mais á súa relación coa identidade
Ana Boullón (Foto: RAG)
photo_camera Ana Boullón (Foto: RAG)

Ana Boullón xa ocupa a cadeira que quedou vacante tras o pasamento de Xosé Luís Franco Grande, de quen destacou o seu papel como lexicógrafo.

A filóloga ingresou na Real Academia Galega cun discurso centrado na onomástica baixo o título Todos os nomes: identidade, pobo, país. A profesora da Universidade de Santiago de Compostela, investigadora de referencia neste campo de estudo, profundou na vertente lingüística e mais na dimensión social de nomes, apelidos e topónimos nun acto que se desenvolveu no Teatro Cine Elma da súa localidade natal, A Pobra do Caramiñal

 A nova académica rendeulle homenaxe á súa terra na listaxe de nomes da infancia co que pechou o seu discurso. Nomes propios, apelidos, alcumes ou topónimos que demostran que a través deles trazamos as biografías propias e colectivas, afirmou.

"Eu non son ourive da linguaxe, pero creo que cada un de nós somos quen de crearmos a nosa biografía xeográfica, individual, familiar e colectiva, con nomes e apelidos, hipocorísticos, alcumes, formas de tratamento, topónimos, nomes comerciais, xentilicios, festivos, zoónimos. É posible así representar o pasado compartido, as persoas, as paisaxes vividas", concluíu.

Onomástica

Ana Boullón ofreceu unha síntese do que representa a onomástica galega, o campo ao que ten dedicado a maior parte dunha traxectoria investigadora na que tamén destacan os seus traballos de lexicografía ou de edición de textos medievais.

Fíxoo tomando o título do seu discurso da novela de José Saramago Todos os nomes (1997), porque a historia do Nobel portugués –na que non se cita nome ningún agás o do seu protagonista, o do señor José, traballador do rexistro civil– "en certa maneira reflicte a situación de ocultación de nomes que afectou o noso país".

"A despersonalización burocrática, a indefensión ante o poder e a identidade son asuntos que atinxen directamente á onomástica", apuntou a especialista, que recordou que todos estes nomes son parte "do noso patrimonio inmaterial".

Nomes propios, identidade e a creatividade galega

Ana Boullón reflexionou sobre a relación entre a onomástica e a identidade en diálogo con distintas voces especialistas no tema como a escandinava Emilia Aldrin, quen apunta que cando as nais e os pais escollen un nome non só reproducen certas estruturas e significados sociais, senón que se comprometen activamente na creación delas.

"Esta actitude activa é perfectamente visible no corpus dos nomes galegos, onde desde finais dos século pasado non paran de crecer as novidades onomásticas: nomes persoais tirados da toponimia (Avia, Adai, Dubra, Irimia, Ézaro, Eume, Antela, Cíes, Navia, Aloia, Sarela, Deva), da haxiotoponimia (Comba, Cidre, Baia, Icía/Sía, Xes/Xenxo), literarios (Loaira, Leilía), medievais (Aldara, Aragonta, Airas, Roi), do léxico común (Lúa, Ledicia, Arume, Alborada, Arela), inspirados na historia da Galiza (Suevia, Celtia), hipocorísticos (Fuco, Nela, Xonxa, Catuxa, Xela, Xandre) e mesmo hipocorísticos de nomes recentes como Breo (de Breogán). Esta excepcional creatividade dáse na Galiza só cos nomes especificamente galegos, non cos doutras afiliacións lingüísticas», comparou.

Mentres que no conxunto do século XX a gran maioría dos nomes propios que se puñan na Galiza eran distintivamente españois (José, Carmen, Jesús, Josefa...), hoxe os nomes galegos representan 15%, por riba das formas españolas, se ben os maioritarios seguen a ser os comúns (aínda que en lixeiro descenso), "o que tamén é significativo en canto á identidade, pois son eleccións que buscan, consciente ou inconscientemente, non decantarse para un ou outro idioma".

Toponimia

No apartado do discurso dedicado á toponimia, Ana Boullón tamén se detivo nos procesos de deturpación tomando, entre outros exemplos, o caso da súa vila natal, A Pobra do Caramiñal, onde a restitución da forma galega atopou no seu momento certa contestación veciñal.

Os nomes de lugares implican valores e tamén comportan relacións de poder

"O argumento popular non era a defensa da castelanización da toponimia, senón simplemente 'dise Puebla de toda a vida'. Compárase a vida dunha persoa coa vida dunha lingua, coa historia dun pobo que aí habita desde hai moitos séculos. É froito dunha estratexia que se ten chamado 'silencio toponímico': coa retirada da toponimia orixinaria preténdese crear na poboación unha nova percepción da situación lingüística, cultural e política. Os nomes de lugares, como se ve, implican valores e tamén comportan relacións de poder".

Pero ademais de chegar a converterse en instrumentos de poder, "os topónimos son tamén sinais sociais de pertenza a un grupo e, transmitidos oralmente de xeración en xeración durante centos ou milleiros de anos no lugar onde foron creados, representan a parte máis viva do patrimonio cultural humano", expresou Ana Boullón.

Unha voz feminina

Ramón Lorenzo, encargado de darlle resposta ao discurso de Ana Boullón, tivo tamén palabras de afecto para o seu amigo Franco Grande e para a nova académica, cuxa tese de doutoramento dirixiu. "Alégrame que entre na Academia unha nova voz feminina, porque isto demostra o moito que as mulleres están aportando á cultura galega en xeral e, no caso de Ana, á filoloxía e á lingüística galegas. É unha honra para a RAG avanzar no proceso de igualdade no número de membros que a integran", expresou.

O académico salientou a "gran capacidade de traballo" e a "firmeza na defensa das ideas" da investigadora; e repasou parte dos seus méritos no campo da lexicografía, a edición de textos medievais, a lingüística histórica e a onomástica, campo este último no que traballa activamente desde o seminario desta especialidade da Real Academia Galega desde o ano 2012, cando foi elixida académica correspondente.

Comentarios