A RAG apoia os acordos acadados en Compostela pola Rede Europea pola Igualdade das Linguas

O presidente da Academia Galega pide para o galego "un tratamento que non ten" e apoia derrogar o 'decreto do plurilingüismo'.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes [Imaxe: Real Academia Galega].
photo_camera O presidente da Real Academia Galega [Imaxe: Real Academia Galega].

O presidente da Real Academia  Galega, Víctor Freixáns, mostrou o seu apoio aos acordos adoptados na asemblea xeral da Rede Europea pola Igualdade das Linguas (ELEN), celebrada en Santiago de Compostela, e que reclamou a derrogación do 'decreto do plurilingüismo' e que se garanta o galego como idioma  vehicular en todas as etapas educativas.

Fíxoo, a preguntas dos xornalistas, coincidindo coa súa comparecencia xunto ao delegado do Goberno en Galiza, José Miñóns, que esta segunda feira visitou a institución académica.

Sobre a decisión da  ELEN, indicou que apoia "os acordos desa reunión". Ademais, recalcou que o galego é un "patrimonio que produce riqueza" e non "un adorno". "O galego necesita un tratamento que nestes momentos non ten".

Por iso, demandou que "se revisen" unhas políticas que "se poden mellorar", manifestou tanto en referencia ao 'decreto do plurilingüismo' como á lei de normalización lingüística. "Hai moitos aspectos por desenvolver e outros por actualizar como as novas tecnoloxías", apuntou a este respecto sobre esta última.

O secretario xeral da Rede Europea pola Igualdade das Linguas (ELEN), Davyth Hicks, denunciou este sábado en Compostela o “fracaso xeral da Unión Europea para actuar en defensa das nosas linguas”.

Nun encontro cos medios de comunicación o responsábel deste organismo, xunto ao presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e recentemente reeleito vicepresidente de ELEN, Marcos Maceira, reclamaron que os gobernos da Galiza e o Estado español atendan as exixencias do Consello de Europa e derroguen o Decreto do Plurilingüismo.

Hicks, denunciou o "fracaso xeral da Unión Europea para actuar en defensa das nosas linguas". En relación a Galiza, Maceira e Hicks insistiron en que o Goberno galego "debe dar cumprimento sen demora ás reclamacións do Consello de Europa garantindo o galego como lingua vehicular en todas as etapas e materias do ensino".

Alén diso, demandaron que se asegurase a igualdade de todas as linguas oficiais na futura Lei do Audiovisual que está a preparar o Goberno español.

Comentarios