Contempla a Lei do Audiovisual a diversidade lingüística?

Critican a 'invisibilización' das linguas minorizadas
Francesc Marco Palau, Paul Bilbao e Marcos Maceira durante o debate sobre a Lei do Audiovisual. (Foto: Arxina)
photo_camera Francesc Marco Palau, Paul Bilbao e Marcos Maceira durante o debate sobre a Lei do Audiovisual. (Foto: Arxina)

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) acolleu hoxe unha xornada de análise sobre a nova Lei do Audiovisual. No evento participaron representantes de entidades en defensa do galego, euskera e catalán, xunto ao sector audiovisual.

O acto abriuno a xornalista, escritora e cineasta galega, Margarita Ledo, quen explicou a Nós Diario que “as xornadas están organizadas polo Grupo de Estudos Audiovisuais, un grupo de investigación da USC que traballa tanto na información, como no contacto co sector profesional e coas institucións políticas e culturais” pois, indica, “para nós investigar é intervir tamén na sociedade que pertencemos”.

Ledo criticou que “o resultado da aprobación da Lei Audiovisual non garante a diversidade cultural e lingüística nin o financiamento da produción independente” e engadiu que “mesmo existe o risco de privatización das televisións públicas”. Ledo alertou que a Lei podería ser un “instrumento de recentralización e reforzo do oligopolio mediático español”. 

“O resultado da aprobación da Lei Audiovisual non garante a diversidade cultural e lingüística"

Despois da benvida, o acto continuou coa intervención de Antía López Gómez, representante do propio grupo de Estudos Audiovisuais, a quen seguiu Ramón Zallo, profesor da Universidade do País Vasco, “o mellor estudoso e analista da lei” segundo Ledo. A media mañá deu inicio o coloquio "Diversidade Lingüística e Lei do Audiovisual", da man de Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística (Galiza); Paul Bilbao, da Kontseilua (Euskal Herria); e Francesc Marco Palau, da Plataforma per la Llengua (Catalunya).

Diversidade lingüística

Maceira abordou a relevancia da "Iniciativa Xabarín" que reivindica a dispoñibilidade dun audiovisual en galego ante unha situación “de completa exclusión” da nosa lingua, tanto no “mundo audiovisual en xeral” como na “produción infantil”. Ademais, analizou as consecuencias dunha lei que, se ben no seu comezo “ía ter en conta certos aspectos a favor da diversidade lingüística” do Estado español, “finalmente non é así”.

Maceira reivindicou que o país “fose vangarda nas mobilizacións sociais en todo o Estado” pois o Parlamento galego “foi o único en posicionarse a favor dunha Lei que contemplase estas cuestións”.

"A Galiza foi vangarda nas mobilizacións sociais en todo o Estado español"

O presidente da Mesa asegurou que “este é o momento de mirar cara atrás e analizar o que fixemos nestes anos” sempre tendo “como horizonte” unha oferta audiovisual en galego. “Non chega con conseguir avances para a lingua nun momento puntual, hai que manter a presión e impulsalos para non retroceder en dereitos lingüísticos”,  sinalou Maceira en conversa con este xornal, e engadiu que “estas xornadas axudan a tomar conciencia”.

Alianzas necesarias

Pola súa parte, Paul Bilbao incidiu na “invisibilización das linguas propias do Estado” que provoca a lei e analizou o lugar que ocupa o euskera no ámbito da produción audiovisual e das plataformas. Bilbao concluíu que a Lei do Audiovisual foi “un despropósito, tanto no procedemento como no contido” e denunciou que se “marxinaran todas as propostas que chegaron desde a comunidade civil”.

A Lei do Audiovisual foi “un despropósito, tanto no procedemento como no contido”

Ademais remarcou a importancia “das alianzas que tecemos (entre as tres entidades) durante este tempo” e indicou que estes eventos demostran “que existe unha demanda social” sobre a diversidade lingüística.

A xornada fechou cunha mesa sobre o estado xeral do audiovisual na Galiza con representantes do sector como Uxía Caride, Lidia Fraga e Iria Taibo dos sectores de produción, guión e tradución, respectivamente; e un debate coa profesora da USC, María Soliña.
 

Comentarios