'O monstro mariño', primeira produción animada de Netflix en galego, estréase o 8 de xullo

O filme conta "a historia dun cazador de monstros mariños que cambia de rumbo cando unha pequena polisón se mete no seu barco", como detalla A Mesa.
Captura de 'O monstro mariño'. (Foto: Netflix)
photo_camera Captura de 'O monstro mariño'. (Foto: Netflix)

O monstro mariño (The Sea Beast en inglés), a primeira película de animación producida por Netflix integramente en galego, estrearase esta sexta feira, 8 de xullo, na plataforma de streaming.

Segundo explica A Mesa pola Normalización Lingüística (AMNL) no seu Twitter, trátase dun filme que conta "a historia dun cazador de monstros mariños que cambia de rumbo cando unha pequena polisón se mete no seu barco".

En marzo deste ano Netflix xa compartira un primeiro tráiler da película, compartido pola Mesa nas súas redes sociais, no que se detectaban "pequenos erros fonéticos". Por exemplo, un dos personaxes infantís pronunciaba a palabra "debusos" no canto de "debuxos". A entidade en defensa da lingua anunciou naquel momento que se poría en contacto coa compañía audiovisual para que tivese en conta "a calidade lingüística das dobraxes".

Para AMNL, "Isto foi posíbel grazas a todas as persoas que apoiastes coa vosa sinatura a #IniciativaXabarín levada pola Mesa ao Parlamento galego e que despois deu pé a modificar a Lei do Audiovisual no Congreso".

Incorporacións en galego, euskera e catalán

Desde comezo de 2022 e até o remate de ano, Netflix incorporará unha selección de contidos que inclúe perto de 70 títulos en galego, catalán e euskera.

A obra audiovisual que se engadirá ao longo de 2022 representa unhas 600 horas de películas e series internacionais subtituladas, e unhas 60 horas de contido para o público infantil e familiar dobradas nas tres linguas, isto é, un total dunhas 200 horas de subtítulos e unhas 20 horas de dobraxe en lingua galega.

Desta forma, as persoas subscritoras de Netflix en 190 países poderán acceder a series e películas en catalán, galego e euskera como Emily en París ou próximas estreas, como The MotherGarraSandman Pinocho, do mexicano Guillermo del Toro.

Comentarios