'Modo galego, actívao!', o novo proxecto da RAG e o Concello de Ames para frear o abandono da lingua

Esta iniciativa está dirixida a crianzas do segundo ciclo de infantil e de primaria escolarizados nos sete centros educativos do municipio de Ames.
Presentación do proxecto en Ames esta terza feira (Foto: RAG).
photo_camera Presentación do proxecto en Ames esta terza feira (Foto: RAG).

A Real Academia Galega (RAG) e o Concello de Ames puxeron en marcha un proxecto piloto para frear o abandono do galego entre as máis pequenas e pequenos, coa intención de chegar a uns 3.000 nenos a través das aulas.

'Modo galego, actívao!' é o nome que recibe esta iniciativa, dirixida a crianzas do segundo ciclo de infantil e de primaria escolarizados nos sete centros educativos deste municipio.

As accións non só levarán a cabo no día a día nos colexios, senón tamén nas actividades extraescolares, de lecer, tempo libre e conciliación familiar xestionadas a través da Administración local.

"As principais novidades que introduce 'Modo galego, actívao!' son, por unha parte, a implicación da Administración local e, por outro, que pon o foco tanto dentro como fóra das aulas, nos servizos de conciliación e nas actividades extraescolares e complementarias, tendo en conta todas as persoas que traballan na súa prestación e non só ao profesorado", indicou o coordinador do seminario de sociolingüística da RAG, Henrique Monteagudo.

A execución do proxecto

A execución deste proxecto contará coa avaliación, asesoramento e seguimento da RAG, que analizará o seu desenvolvemento desde a perspectiva científica e recollerá resultados nun informe, para que despois a iniciativa se poida trasladar a outros municipios.

"A Academia non ten capacidade para acompañar todos os concellos da Galiza, pero concibimos este proxecto como unha experiencia piloto que permita definir un modelo de intervención replicábel e extensíbel a outras localidades", engadiu Monteagudo.

Pola súa parte, o concelleiro de Educación de Ames, David Santomil, puxo en valor a colaboración coa RAG, co obxectivo de "reverter" a situación do galego entre a poboación máis nova.

Esta iniciativa desenvólvese co financiamento da Deputación da Coruña e do Fondo Xacobeo da Xunta da Galiza e dálle continuidade á investigación que a RAG fixo nos últimos anos en Ames no ámbito da sociolingüística.

Comentarios