"Os que falan galego adoitan ser de aldea": actitudes lingüísticas diferentes entre o ensino público e privado

Un estudo di que a titularidade do centro inflúe na disposición cara á lingua.
As materias impartidas en lingua galega pasaron de 72% a 52,6%, segundo os datos da RAG. (Foto: Arxina)
photo_camera A docencia impartida maioritariamente en galego pasou de 72% a 52,6%, segundo os últimos datos da RAG. (Foto: Arxina)

A titularidade dos centros de ensino, que estes sexan públicos ou privados, é un trazo determinante —non o único— na construción das actitudes lingüísticas do alumnado a respecto do idioma galego. Esta é unha das conclusións da investigación de Andrea Gamallo, estudosa e graduada en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, que se vén de publicar en Cumieira. Cadernos de investigación da nova Filoloxía Galega.

O traballo analiza as actitudes lingüísticas do alumnado de 1º de Bacharelato de cinco centros educativos, públicos e privados, da cidade de Vigo, polo que é unha análise circunscrita á realidade desta urbe, co que poida ter de validez para outras cidades da Galiza. "Hai unha clara influencia do perfil do centro na construción de actitudes lingüísticas favorábeis ou desfavorábeis cara á lingua galega", sinálase nas conclusións. Non é este o único factor significativo na percepción da lingua galega por parte do alumnado, apunta a investigadora, mais si que ten peso e importancia.

No seu traballo co alumnado destes centros aparecen diferenzas significativas a respecto da actitude cara ao idioma segundo sexan do ensino público ou do privado. Así, ao enunciado de "gustaríame falar máis en galego", o estudantado das institucións educativas públicas amosan o seu acordo no 71% dos casos, mentres que os do privado só en 49%. "Cremos que é importante a diferenza existente entre a titularidade dos centros con respecto a este enunciado", indícase.

Materias en galego

"Debería haber máis materias en galego". As enquisas feitas no marco deste traballo indican que o 59% do alumnado que acode a unha das institucións públicas incluídas están en contra de que se ofreza máis ensino en galego, porcentaxe que na privada se eleva a case 78%, 20 puntos máis. Porén, e malia estes resultados, na investigación tamén se detectan actitudes positivas.

"Deberíamos esforzarnos máis por empregar a lingua galega", proponse ao alumnado. Aqueles estudantes que acoden a unha institución pública de ensino están de acordo coa afirmación no 78,8% dos casos. Os que acoden a un colexio privado amosan acordo co enunciado nun 63%; 15 puntos menos mais igualmente unha porcentaxe positiva.

Porén, esta actitude bate coa que se expresa cando se pregunta se na Galiza debería exixirse galego para poder traballar: 62% do alumnado da privada está en contra, mentres que no público o acordo e desacordo a este respecto móvese no 50%.

Decreto "glotocida"

"O alto grao de incumprimento da lexislación vixente, un decreto de plurilingüismo 'glotocida' e unhas políticas que máis que normalizar minorizan a lingua contribúen á xestación dunha situación insostíbel para a lingua galega", conclúe a investigación.

A persistencia do prexuízo de falar galego e "ser da aldea"

"Os que falan galego adoitan ser de aldea". Persiste entre a mocidade este prexuízo? Gamallo formula este enunciado ao alumnado dos cinco centros de ensino. Entre o estudantado de centros públicos está de acordo con esta afirmación apenas o 36,5%. Pola contra, os estudantes dos privados están de acordo en 64,2%. "O estudantado de centros privados está de acordo coa afirmación case na mesma medida en que o alumnado de centros públicos está en desacordo", sinálase no traballo.

A este respecto, un traballo da Fundación BBVA e Instituto Valenciano de Investigacións Económicas (IVIE) de 2019 explicaba como os colexios privados galegos eran os máis 'segregadores' do Estado cara ao alumnado de condicións socioeconómicas "menos favorábeis".

Comentarios