"A 200 metros, Sangenjo": unha nova campaña da Mesa busca que os navegadores e mapas dixitais usen só a toponimia oficial

"A toponimia é unha pegada lingüística dun pobo sobre o territorio no que historicamente se desenvolveu, é unha evidencia da súa existencia e fonte de coñecemento desa lingua e cultura", sinala Marcos Maceira.
A Mesa pon o foco en mapas dixitais e navegadores na súa nova campaña. (Foto: Yuri Bizgaimer)
photo_camera A Mesa pon o foco en mapas dixitais e navegadores na súa nova campaña. (Foto: Yuri Bizgaimer)

"A mobilización social é a principal ferramenta para conseguir avances para o galego, desde a oficialidade á toponimia ou o uso en todos os ámbitos da vida". Con estas palabras defendeu esta sexta feira Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, a campaña 'Polo seu nome', que busca mobilizar a poboación pola restauración da toponimia en navegadores e aplicacións de mapas dixitais.

A través da "forza da acción colectiva na defensa do rastro no territorio da nosa existencia como pobo", defenden desde a Mesa, esta campaña reclama das compañías operadoras de mapas dixitais e navegadores a sinalización dos lugares unicamente cos topónimos "oficiais e lexítimos", en lingua galega.

A iniciativa, que xa está dispoñíbel na web e redes sociais da Mesa e que chegará tamén aos concellos, o Parlamento galego e o Congreso, acompañarase de accións de todo tipo, incluídas as xudiciais, para, en palabras de Maceira, "salvagardar dereitos que tanto custou conquistar e que hoxe están a ser postos en cuestión".

"A toponimia é unha pegada lingüística dun pobo sobre o territorio no que historicamente se desenvolveu, é unha evidencia da súa existencia e fonte de coñecemento desa lingua e cultura", manifestou o presidente da Mesa, que salientou os casos das aplicacións móbiles Google Maps e Apple Maps.

A deturpación dos nomes de lugar, explican desde a Mesa, reprodúcese a través de outras aplicacións, redes sociais ou páxinas web, "introducindo ao tempo novas deturpacións en nomes de lugar que até o de agora non se viran afectadas polas ondas castelanizadoras anteriores".

"Chega a extremos de envíos postais ou de mensaxaría que non se reciben no seu destino por o nome oficial e de uso común non coincidir coa forma deturpada que só existe nos mapas das aplicacións, mais que por influencia destas aplicacións acaba por comezar a se estender. O uso correcto da toponimia non pode ficar a expensas da configuración que se estabelece para estes programas", engaden.

Malia representar só 6% do territorio, precisan desde a entidade pola defensa da lingua, a Galiza concentra case 60% dos núcleos de poboación do Estado español. "O pobo galego mantivo vivas na súa propia lingua as formas de designar os espazos do seu territorio a pesar das sucesivas vagas que desde hai séculos procuran a súa desaparición", sinalan, expondo exemplos como 'Orense', 'La Toja' ou 'Sangenjo'.

Un dos casos máis salientábeis é o da ría de Ribadeo, cuxa designación oficial propuxo mudar o Goberno asturiano por 'ría do Eo'. A Mesa presentou alegacións conxuntamente coa Plataforma de Mariños de Ribadeo "e está disposta a defender onde for preciso o nome galego e único lexítimo como único oficial", subliñan.

Comentarios