Da Chantada bautizada polo demo aos 40 lugares onde berrar “Viva Vigo, cago en tal”: 10 curiosidades sobre topónimos galegos

A riqueza da Galiza en toponimia e microtoponimia é destacada por expertos e ben coñecida tamén polo acervo popular, que tamén é quen de construír as súas historias e lendas sobre o porqué os sitios se chaman como se chaman.

MapaGaliciaIcon

"Somos un pobo especialmente rico en canto a toponimia e microtoponimia" manifestaba Vicente Feixoo nunha entrevista en Nós Diario no ano 2020, coordinador de Galiza Nomeada, a plataforma de recollida de microtopónimos que lanzou a Real Academia Galega en 2019, e que até hoxe xa recolleu máis de 537.000.

En torno aos topónimos galegos hai estudos rigorosos e informes científicos mais tamén hai lendas e etimoloxías populares que perviven a través dos séculos. Hai, tamén, un bo feixe de curosidades. A seguir expoñemos algunhas delas, recollidas en Galiza nomeada

1) Chantada, a vila que naceu do anoxo do demo coa súa nai. Unha lenda popular, recollida por Álvarez Blázquez en Os nomes da terra e por Jesús Fernández, atribúe a orixe do topónimo Chantada a unha frase dita polo diaño cando, canso de cargar ao lombo coa súa nai no medio dunha tormenta, exclamou "Síntoo moito, miña nai…pero aí quedas chantada”, deixando a súa proxenitora ‘tirada’ onde nacería esaa vila.

2) As Malvinas arxentinas? Británicas? De Mondoñedo! As Malvinas é o nome dunha zona existente en Mondoñedo, “o único sitio chan de Mondoñedo”, segundo a deportista Ainara Rodríguez, que adoitaba adestrar nesa zona da localidade da comarca da Mariña

3) Maradona, dun monte do norte galego a mellor futbolista da historia. A Maradona é un monte entre Barreiros e Ribadeo onde se descubríu recentemente un castro. Monte que deu apelido, que se mantén en sitios como Arante ou Vilamartín, na Mariña. O propio Diego Maradona manifestou, ao se enteirar disto, que quería viaxar a Galiza para coñecer eses veciños e veciñas.

4) “Viva Vigo, cago en tal!” Si, máis que Vigo? Hai  corenta! Vigo ven do latino ‘vicus’ (aldea ou barrio) e está presente en 40 topónimos estendidos por todo o país mais que non existe en Portugal. Da mesma raíz indoeuropea vén (w)oikos, casa. Desde o século IX hai constancia documental de varios Vigos na Galiza e do Vigo principal desde 1156.

Hai Vigos en Dodro, Portomarín, Samos, Boqueixón, Sarria....

5) A Gudiña, un topónimo dunha taberneira moi ‘espabilada’. Segundo o imaxinario popular, A Gudiña debe o seu nome á circunstancia de que a persoa que rexentaba unha pousada era “unha muller moi agudiña, tan lista era que dun pote de caldo sacaba 30 cuncas”. Así o recolle a plataforma Galiza Nomeada.

6) En Mondoñedo, un topónimo ‘desprazouse’ 15 quilómetros. Durante a alta Idade Media, Mondoñedo daba nome a unha pequena sede episcopal radicada na basílica de orixe prerromana de San Martiño, considerada a catedral máis antiga da Galiza. Mais non no lugar onde está a actual sede, senón 15 quilómetros máis ao norte, en Foz. Os continuos ataques normandos obrigaron a tomar unha drástica decisión: fuxir da costa cara ao interior, ao punto onde hoxe a atopamos e que pola altura recibía outro nome, Valibria.

7) Os galegos máis galegos de todos os galegos viven nestas cinco parroquias da Galiza. Hai quen pode presumir de galego por partida dupla: son os habitantes de cinco parroquias denominadas Galegos dos concellos de Láncara, Navia de Suarna, Frades, Lalín e Riotorto, e doutros lugares ou aldeas en Meira, Vedra ou Pantón.

Reafirmar a procedencia ou ascendencia galega duns antigos moradores ou fundadores é, cando menos, curioso para un lugar de Galiza. Por iso, foron diferentes as teorías que se expuxeron para explicar algúns destes topónimos. Nicandro Ares fainos derivar dun patronímico, isto é, o sobrenome ou signum persoal medieval Callaicus / Callaecus. O argumento baséase en que se houbo un xeneral romano Iunius Brutus Callaicus é probable que houbese máis persoas con ese sobrenome, especialmente en datas temperás cando aínda non estaba xeneralizada a forma Gallaicus ou Galegos para se referir aos habitantes de todo o territorio.

Cabeza Quiles, sen desbotar esta opción, ve nalgúns destes topónimos Galegos unha forma de distinguir os moradores dun lugar en oposición aos doutro próximo. Este sería o caso da parroquia de Galegos de Láncara, situada non moi distante da de Toldaos, onde habería un grupo importante de persoas emigradas desde Toledo, de aí o nome; ou tamén da aldea Galegos de Vedra, situada ben preto dunha outra chamada Cumbraos, poboada na orixe posiblemente por habitantes de Coimbra.

Mais esta última explicación non se podería aplicar a todos os casos, polo que queda para as hipóteses cal foi a verdadeira orixe de cada un deses topónimos. Habería un Galegos ou habería varios Galegos?

8) Pedir a man dunha filla do Conde de Lemos e que a resposta dea nome a unha vila. Segundo conta a etimoloxía popular houbo un home, de apelido Castro que se presentou ante o conde de Lemos para lle pedir a man da súa filla e que este, ao ter máis de unha, preguntoulle: "Castro, cal delas?"

9) O lugar de Fumaces, en Riós, ás portas de Eurovisión. “Ningún (dos nomes para o grupo) nos convencía. Pedímoslle axuda a un amigo en común de Fumaces, no concello de Riós, onde hai unhas fincas que se chaman As Tanxugueiras. Propúxonos ese nome para o grupo e encantounos”. Así explicaban hai uns anos Olaia, Aida e Sabela a orixe do nome do grupo.

 Ademais destas terras da parroquia de Fumaces, no concello do Riós (Ourense), existen outros lugares homónimos en Viana do Bolo, Dodro e Catoira. Neste último concello rexístranse ademais As Tanxugueiras Grandes, As Tanxugueiras Pequenas, As Tanxugueiras da Eira e mais As Tanxugueiras da Chan. 

Segundo o académico Gonzalo Navaza na súa obra Toponimia de Catoira, estas formas son alteración dun orixinario Teixugueira. Este zootopónimo común na Galiza sinala os sitios onde hai presenza ou abundancia de teixugos ou porcos teixos.

10) A Baiuca, un topónimo de ambientes marxinais. Os lugares chamados A Baiuca teñen a súa orixe na existencia dunha taberna, probablemente fundada na segunda metade do século XVIII por xente chegada das colonias americanas, e que tiña certas connotacións despectivas por ser unha palabra propia de ambientes marxinais.

Hai Baiucas en Coristanco, Vilalba, A Pobra, Sarria, Meaño, Muxía, etc...

Comentarios