As linguas oficiais terán un 6% de presenza nas plataformas audiovisuais

Mentres o Goberno do Estado español asegura que as plataformas terán que incorporar a lingua propia da Galiza, así como as de Euskadi e Catalunya -se ben non aclaran como será o reparto-, o Tribunal Supremo tombou a inmersión lingüística nas escolas catalás.

Representantes do Concello de Santiago nun acto da campaña da Mesa "Queremos galego no audiovisual" (Foto: Nós Diario).
photo_camera Representantes de A Mesa e do Concello de Compostela nun acto polo galego no audiovisual. (Foto: Nós Diario)

A ministra de Política Territorial e voceira do Goberno, Isabel Rodríguez, confirmou nunha rolda de prensa que galego, catalán e euskera terán como mínimo un 6% de cota de contido audiovisual para todas as plataformas, despois de que ERC pactara esta medida co Executivo estatal, xunto coa “protección” a través dunha serie de axudas públicas.

Estas cotas estarán recollidas, dixo, no anteproxecto de Lei audiovisual que o Goberno de coalición está a preparar para a súa tramitación no Congreso dos Deputados. A voceira explicou que a idea do Goberno é que chegue ao Consello de Ministros “nas próximas semanas, antes de finais deste ano”.

Porén, a norma "non prefixa", segundo fontes do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital -que dirixe a galega Nadia Calviño-, unha distribución concreta dos contidos que se van fornecer en cada un destes tres idiomas.

Ademais, desde o mesmo departamento apuntaron que malia ter ese contido dobrado ou subtitulado nas linguas cooficiais, non se vai considerar cota de obra en catalán, euskera ou galego. "Hai unha certa obriga que está suxeita a que sexa posíbel tanto tecnicamenteo como pola propia calidade da dobraxe ou o subtitulado. É unha obriga con algunhas limitacións", engadiron.

Na Galiza, o BNG e A Mesa pola Normalización Lingüística foron os dous actores que encabezaron a esixencia ao goberno de PSOE e UP de que a protección do galego no sector audiovisual estivese recollida de maneira explícita na nova Lei do audiovisual.

A formación política presentou iniciativas nos concellos galegos, no Parlamento da Galiza e no Congreso -a través do deputado nacionalista Néstor Rego- para sumar apoios e aumentar a presión ao Goberno de cara a incorporar o galego no novo texto legal.

Pola súa parte, A Mesa pola Normalización Lingüística liderou as reivindicacións sociais co impulso de proxectos como as iniciativas Xabarín Club e Xabarín Club 2.0. A primeira logrou o apoio unánime das tres formacións políticas que forman parte da Cámara plenaria galega.

Rodríguez insistiu que, con esta normativa, o Executivo aborda “a protección e a promoción de todas as linguas do Estado, dando cumprimento a esa garantía constitucional”. O Goberno de coalición non recolleu esta posibilidade até que ERC puxo enriba da mesa que o seu apoio aos Orzamentos Xerais do Estado estarían supeditados a que a nova Lei do audiovisual fixese referencias “claras” á protección de galego, euskera e catalán no ámbito do sector audiovisual.

O Supremo, contra a inmersión en catalán

Mentres a portavoz do Goberno confirmaba esta decisión, o Tribunal Supremo ordenaba que o ensino en Catalunya sexa en castelán “en polo menos o 25% das horas de docencia”. Anunciárono o conselleiro de Educación da Generalitat, Josep González-Cambray, e a conselleira de Cultura, Natàlia Garriga, nunha conferencia de prensa. Unha decisión que cualifican como “grave ataque á escola catalá”.

Comentarios