A Mesa espera que a nova Lei do audiovisual do Estado recolla a demanda unánime do Parlamento Galego

Polo que se coñece até o momento, “embora se producisen algúns avances importantes, o proxecto no que traballa o Goberno non garante condicións de equidade no tratamento das linguas cooficiais”, indica 
a mesa parlamento pp bng e psoe
photo_camera Marcos Maceira e Celia Armas da Mesa; Raquel Arias e Noelia Pérez do PP; Mercedes Queixas e Daniel Castro do BNG; e Noa Díaz e Noelia Otero do PSOE. imaxe de arquivo

A Mesa pola Normalización Lingüística sae ao paso das informacións publicadas nas últimas horas ao respecto do acordo acadado no Estado en relación á presenza das linguas oficiais na nova Lei do audiovisual, e apunta a que “ningún acordo en Madrid sobre o audiovisual será suficiente, se non se chega ao solicitado en maio polo Parlamento galego”.

Así, lembra que en maio de 2021, o Parlamento aprobou por unanimidade a Iniciativa Popular Xabarín impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística e avalada por máis de 33.000 sinaturas.

Esta iniciativa xa solicitaba “que a nova Lei Xeral do Audiovisual recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda”.

Tamén reclamaba da Corporación de Radio Televisión Española “que emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego”, nomeadamente na programación da canle específica infantil e xuvenil e nos contidos da súa App.

Ademais, nas alegacións presentadas pola Mesa ao Anteproxecto de Lei do Audiovisual sinalábase a necesidade de “garantir a recepción mutua entre Galiza e Portugal”, segundo o contemplado na Carta Europea das Linguas e o aprobado polo Congreso o febreiro pasado como punto da PNL pola igualdade promovida pola Mesa e outras entidades de defensa das linguas do Estado.

Polo que se coñece até o momento, “embora se producisen algúns avances importantes, o proxecto no que traballa o Goberno non garante condicións de equidade no tratamento das linguas cooficiais”, indica AMesa.

“O galego non é o 6%, 10%, ou 90% de lingua que o castelán, é igual de lingua e por tanto debe ser tratado igual”, recorda o presidente da Mesa, Marcos Maceira.

Neste sentido, a entidade de defensa da lingua mantén a campaña que está desenvolver a favor do audiovisual en galego e dirixirase de novo a todos os deputados e deputadas por Galiza na procura da introdución de emendas que melloren a proposición de Lei tomando como base o acordo do Parlamento galego.

Comentarios