Derrogar o decreto do plurilingüismo e crear un Instituto Rosalía de Castro, entre as propostas do encontro 'Medre a Lingua'

O galego "é o único idioma do Estado que non conta cunha entidade destas características", afirmou Ana Pontón, que defendeu a creación deste organismo para abrir as portas da "amplísima comunidade lusófona".
A xornada 'Medre a lingua' congregou decenas de persoas na Coruña este sábado. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A xornada 'Medre a lingua' congregou decenas de persoas na Coruña este sábado. (Foto: Nós Diario)

Decenas de persoas citáronse este sábado na Coruña na xornada organizada polo BNG 'Medre a lingua', un evento no que se analizou a situación actual do galego ante a política lingüística do PP.

Este debate prodúcese, advertiron, "tras doce anos de aplicación do denominado decreto da vergoña, que converteu o galego nunha lingua de segunda na educación con consecuencias nefastas, como desvelan os datos da Real Academia Galega e as estatísticas do IGE".

"24% dos nenos e nenas menores de 14 anos non sabe falar galego", precisou Pontón

O galego, subliñaron neste encontro, é a única lingua do Estado que perde falantes, así como que a escola tornou nun axente "desgaleguizador". Algo que, afirmaron, xa empeza na etapa infantil. "24% dos nenos e nenas menores de 14 anos non sabe falar galego, e 30% non é capaz de escribilo", comentou a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón.

Acusaron ademais o Goberno popular de incumprir a lei "desde o Estatuto de Autonomía, pasando pola Lei de Normalización lingüística e até a Carta europea de linguas minoritarias", e criticaron a "falta de apoio" por parte do Executivo, cuns fondos de promoción do idioma que son "50% máis baixos que en 2009".

Batería de medidas

Ante esta situación, precisou Pontón, "un Goberno do BNG porá en marcha unha batería de medidas para reverter o proceso de perda de falantes, en particular das novas xeracións". Entre elas, a derrogación do decreto e "pór fin a disparates como a prohibición por lei de impartir en galego materias como Matemáticas ou Tecnoloxía, que si poden impartirse en francés, alemán, inglés ou castelán".

Aliás, proporán a creación de contidos audiovisuais en galego a través dunha canle da televisión pública de temática específica para o público infantil e xuvenil, "orfo deste tipo de contidos".

A isto sumarán a promoción internacional da lingua a través da creación do Instituto Rosalía de Castro, "tendo en conta que é o único idioma do Estado que non conta cunha entidade destas características". "Ter unha lingua é un valor que nos enriquece, que nos abre as portas dunha amplísima comunidade da lusofonía, e non podemos ter un Goberno na Xunta en contra do galego en lugar de traballar a favor", comentou.

A xornada foi coordinada pola portavoz parlamentaria de cultura e integrante da RAG, Mercedes Queixas, e contou ademais coa participación do portavoz municipal da Coruña, Francisco Jorquera, e do lingüista Xosé Ramón Freixeiro.

Comentarios