O galego é a única lingua do Estado español que perde falantes

Alfonso Rueda Valenzuela estreouse como presidente da Xunta da Galiza nunha sesión de control no Parlamento defendendo o discurso da imposición lingüística de FAES para xustificar a súa presenza na manifestación de Galiza Bilingüe en febreiro de 2009 e manifestando a súa disposición a reunirse cos lideres da forzas da oposición.
17-05-2022 Queremos Galego-76
photo_camera Mobilización de Queremos Galego o pasado 17 de maio. (Foto:Nós Diario).

A xuntanza entre o secretario xeral do PSdeG, Valentín Formoso, e o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, centrou a pregunta do voceiro socialista, Luís Álvarez. Alvarez comezou a súa intervención referíndose aos datos económicos que certifican un peor comportamento da Galiza que do conxunto estatal. Así, lembrou que “a ocupación no sector servizos caeu 4,8% e  no Estado incrementouse en  3,2%” e destacou que “Galiza atópase á cola do Estado en investimento en dependencia”.

O parlamentario socialista referiuse á situación do xeriátrico Mi Casa en Pazos de Borbén, denunciou a política “perversa” da Xunta en relación cos centros de maiores, centrada en “máis privatización e menos inspección” e reclamou un novo modelo de residencias de carácter publico. Neste sentido, cualificou ao xefe do Executivo como “un presidente pouco relevante, tutelado e sen vontade de cambiar o rumbo” e instouno "a que se xunte coa oposición agora que xa rematou ese xogo de cadeiras no que estiveron centrados nos últimos meses”.

Rueda con Formoso

Rueda expresou a súa vontade a reunirse con Formoso e Pontón e esixiu aos socialistas “non ser sucursalistas e actuar como un partido útil para Galiza”. “Téndolle a man para facer cousas xuntas”, afirmou o mandatario galego que definiu ao Goberno do Estado como “un problema para Galiza” e reclamou a Sánchez “un trato xusto para Galiza e que non se prime a unhas comunidades sobre outras en función de que as goberne”. Ao tempo, manifestou a súa decisión de “continuar o bo que fixemos até agora e dar resposta a novos retos que temos por diante”.

Unha imaxe da manifestación de Queremos Galego do pasado 17 de maio e outra da presenza de Rueda na mobilización de Galiza Bilingüe de febreiro de 2009 serviron a Ana Pontón para denunciar “o ataque do PP por terra, mar e aire ao galego”. Na mesma dirección, criticou “o incumprimento da lexislación en materia lingüística”, o Decreto de Plurilingüísimo, que “converte ao galego en lingua de segunda” e a prohibición do galego para “impartir aulas de matemáticas, física ou tecnoloxía”. “Aquí non hai plurilingüísimo o único que está avanzando e o monolingüísmo en castelán”, aseverou a dirixente do BNG.

A voceira nacionalista acusou ao “PP de levar anos traballando contra a liberdade lingüística na Galiza” e de que “o galego é a única lingua do Estado que perde falantes” en referencia aos datos achegados recentemente pola Mesa. Neste sentido, denunciou que “a escola é unha axencia desgaleguizadora, onde os nenos entran falando galego e saen falando castelán” e culpou a Rueda de buscar a “confrontación a conta do galego”. “Quen sabe de confrontación e vostede que estaba nesta manifestación contra o galego” espetou Pontón a Rueda, para afirmar que naquela mobilización de 2009 “comezaron a tocarse os extremos, anticipando os pactos de hoxe entre o PP e a extrema dereita”.

O presidente galego recuperou o discurso da imposición lingüística elaborado pola Fundación de Análise de Estudos Sociais (FAES) de José María Aznar para replicar á voceira nacionalista. Precisamente, este relato foi a base do proxecto ideolóxico de Galiza Bilingüe e actualmente da súa continuadora Hablemos Español e serviu de de xustificación teórica ao  Decreto de Plurilingüísimo aprobado en 2009 polo Executivo de Núñez Feixoo.

Rueda acusou ao BNG de “considerar como un problema a existencia de dúas linguas na Galiza” e de utilizar o galego como “unha escusa para outorgar carnés de bos e malos galegos”. Ao tempo, negou que o galego estivese perdendo falantes nos últimos anos, asegurou que se incrementaran os seus usuarios entre a xente moza e significou como exemplo das políticas da Xunta a prol da lingua , o proxecto Nós dentro do programa Next Generation.

Comentarios