Rexistrada a 'reforma exprés' que permitiría usar o galego no Congreso xa no debate de investidura de Feixoo

PSOE, Sumar, ERC, EH Bildu, PNV e BNG asinan unha proposición de lei conxunta para modificar o Regulamento do Congreso.
Sesión constitutiva do Congreso dos deputados, o pasado 17 de agosto (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Sesión constitutiva do Congreso dos deputados, o pasado 17 de agosto. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O Partido Socialista, Sumar, ERC, EH Bildu, PNV e BNG rexistraron esta cuarta feira, en conxunto, unha proposición de lei de reforma do Regulamento do Congreso para poder usar as linguas oficiais do Estado español en todos os debates da Cámara, así como na presentación de iniciativas. O texto permitirá usar o catalán, o galego e o euskera en todos os debates desde a mesma entrada en vigor da reforma regulamentaria, mentres que para os textos escritos queda fixado un período transitorio de seis meses.

A idea destas formacións políticas é que a reforma se aprobe en dúas semanas, a fin de que no debate de investidura de Alberto Núñez Feixoo, previsto para os próximos 26 e 27 de setembro, poidan utilizarse xa todas as linguas con status de oficialidade a nivel estatal. Sería a primeira vez que se escoita o galego na Cámara baixa.

O plan é que a proposición de lei sexa admitida pola Mesa do Congreso na súa reunión da vindeira terza feira e, así, pase a tramitarse polo procedemento de urxencia, o que supón acurtar os prazos parlamentarios á metade.

Coa súa maioría absoluta na Mesa do Congreso, o PSOE e Sumar levarían ese texto ao pleno na semana do 19 ao 21 de setembro para aprobalo en lectura única, é dicir, sen pasar pola Comisión de Regulamento, que aínda non esta constituída. Xustifícanse equiparando este texto coas reformas regulamentarias que, ao comezo de cada lexislatura, só cambian a denominación das comisións parlamentarias.

Comentarios