A Mesa mobilízase na Toxa para defender o topónimo fronte á "barbarización"

Para a Mesa, as deturpacións dos topónimos pretenden "borrar a Toxa e os nomes de todos os lugares que se denominan en galego". Este sábado tamén se celebrou unha marcha en Uviéu a prol da oficialidade do galego-asturiano.
IMG_20211016_182858
photo_camera Mobilización da Mesa na Toxa, este sábado (Foto: Europa Press).
A Mesa pola Normalización Lingüística manifestouse este sábado na Illa da Toxa (O Grove) para defender o topónimo oficial do lugar, fronte á "barbarización" que supón a denominación do "Foro de La Toja", celebrado entre o 29 se setembro e o 1 de outubro.
 
En declaracións aos medios, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, denunciou que o título deste evento leva implícito "un incumprimento" da lei de normalización lingüística por parte de todas as autoridades que estiveron presentes, entre elas o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo; o do Goberno estatal, Pedro Sánchez, e o rei, Felipe VI.
 
"Son tres cargos que teñen a obriga de cumprir e facer cumprir as escasas leis que defenden e amparan o uso do galego", salientou, para posteriormente advertir que o colectivo non descarta acudir á vía xudicial "para defender que o pobo galego é a única autoridade que pode denominar os seus lugares".
 
Maceira, ante as decenas de asistentes á mobilización, fixo alusión a unhas palabras do xefe do Estado, "non é posíbel a democracia por riba da lei", para afear que "si parece que a democracia é posíbel por riba da lei de normalización lingüística e da oficialidade da lingua galega".
 
Para a Mesa, as deturpacións dos topónimos pretenden "borrar a Toxa e os nomes de todos os lugares que se denominan en galego, porque son lugares galegos".
 
"Na Mesa non permitiremos que se continúe deturpando e barbarizando os nomes que os galegos e galegas demos aos espazos que habitamos", sentenciou.

Mobilización polo galego-asturiano

Por outra banda, na mañá deste sábado tamén se produciu unha multitudinaria concentración en Uviéu a prol da oficialidade do asturianu e o galego-asturiano en Astúries.
 
As persoas organizadoras do evento leron un manifesto no que instaron os poderes públicos a garantir a oficialidade das dúas linguas propias de Astúries "ao carón do castelán", e advertiron que neste proceso o galego-asturiano "non pode quedar atrás", ao tempo que defenderon esta denominación fronte á de "eo-naviego", que cualificaron de "ocurrencia".

Comentarios