venres 23/07/21

Instan o Goberno español a exixir as dúas linguas ao funcionariado dos territorios bilingües

As deputadas Aina Vidal e Mar García aluden ao informe do Consello de Europa sobre a Carta comunitaria de Linguas Rexionais e Minoritarias para demandar unha maior implicación do Executivo de Pedro Sánchez. De saír adiante a súa proposta, o coñecemento do galego pasaría a ser obrigatorio nas oposicións ás prazas da función pública ofertadas na Galiza.

A voceira de Unidas Podemos, Aina Vidal. (Foto: J. Hellín / Pool / Europa Press) #unidaspodemos #ainavidal #bilingüismo #lingua #galego #requisito #administración
A voceira de En Comú Podem, Aina Vidal. (Foto: J. Hellín / Pool / Europa Press)

En Comú Podem instou nesta cuarta feira ao Goberno español a afrontar reformas lexislativas que garantan que os funcionarios públicos desta administración teñan competencias noutras linguas cooficiais do Estado cando traballen en territorios bilingües, como é o caso de Catalunya, Euskadi e Galiza.

O tema xurdiu a través dunha batería de preguntas parlamentarias das deputadas Aina Vidal e Mar García de En Comú Podem sobre o grao de cumprimento ao que chega o Estado español da Carta comunitaria de Linguas Rexionais e Minoritarias.

Cómpre lembrar que un estudo do Consello de Europa dado a coñecer no mes de abril poñía en dúbida a atención ás linguas cooficiais.

O informe indicaba que se “incumpre en varios aspectos” un documento de compromisos elaborado en 2001.

Por iso as deputadas remarcaron que o comité europeo é crítico con que o coñecemento dos idiomas diferentes ao español, en territorios con lingua cooficial, "non sexan un requisito obrigatorio" de acceso ao emprego público na administración, senón tan só "mérito" a ter en conta.

"Un dos ámbitos nos que se fai máis perentorio é o da Xustiza", destacaron no seu discurso, instando ao Executivo español a facer cambios canto antes.

"Desta maneira, denúnciase que quen acaba impoñendo a lingua son os xuíces, a maioría dos cales tenden a ignorar as peticións lexítimas das partes no exercicio dos seus dereitos lingüísticos", incidiron.

Así Vidal e García sostiveron que é preciso mudar a lei orgánica do Poder Xudicial para “atender debidamente que os procedementos xudiciais poidan despregarse noutras linguas distintas ao castelán se o demanda algunha das partes, preservando ese dereito lingüístico”.

comentarios