venres 25/06/21

O decreto do plurilingüismo, unha década de "retroceso" para o galego

As expertas en sociolingüística María Pilar García Negro e Henrique Monteagudo debullan para 'Nós Diario' as consecuencias no sistema educativo da norma impulsada por Núñez Feixoo en 2010.
Manifestación con motivo do Día das Letras Galegas, o pasado 17 de maio, na praza do Obradoiro de Compostela (Foto: Arxina).
Manifestación con motivo do Día das Letras Galegas, o pasado 17 de maio, na praza do Obradoiro de Compostela (Foto: Arxina).

Alberto Núñez Feixoo recalou na presidencia da Xunta en 2009 facendo unha promesa que non tardaría en cumprir: derrogar o Decreto 124/2007 impulsado polo Goberno bipartito, que regulaba o uso e a promoción da lingua galega no sistema educativo destinando o mesmo número de horas á docencia en galego que en castelán.

O mandatario popular impulsou en maio de 2010 do Decreto 79/2010 "para o plurilingüismo no ensino non universitario da Galiza" —que entrou en vigor no curso escolar posterior—, unha nova norma que xustificaba a supresión da anterior da seguinte forma alegando que esta se orientara "cara á obtención dunha competencia adecuada en lingua galega sen o estabelecemento dun número ou porcentaxe mínima de materias en lingua castelá, o cal podería chegar a mudar o modelo de conxunción de linguas".

O novo decreto abría a porta a que o alumnado se expresase, "nas manifestacións oral e escrita", en castelán nas materias impartidas en galego. Tamén dispuña que cada centro educativo, previa consulta ás nais, pais ou titores legais, podería determinar a lingua vehicular de todas as materias —agás as de idiomas—. Porén, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza tombou ambas as disposicións ao considerar que eran contrarias á Lei de Normalización Lingüística de 1983.

Si ficou en vigor a opción das escolas de impartiren "até un terzo do horario lectivo" nunha terceira lingua alén da galega e a castelá. Daquela Núñez Feixoo defendera que a norma supuña "pensar no futuro", coa fin de que as e os cativos educados na Galiza puidesen "competir en igualdade de condicións nun mundo máis global".

Hoxe, após unha década de "bilingüismo harmónico" —como o cualificou o presidente en numerosas ocasións—, o decreto semella ter incumprido unha das principais metas reflectidas no texto: garantir ao alumnado a adquisición dunha "competencia plena" en lingua galega unha vez superada a etapa educativa. Isto é o que vén de evidenciar a Nova Escola Galega a través da publicación do monográfico Dez anos de plurilingüismo?, coordinado por Mariló Candedo, profesora de Pedagoxía Social na Universidade da Coruña (UDC).

Un "eufemismo" para "excluír o galego"

A profesora honoraria da UDC, escritora e sociolingüista María Pilar García Negro sinala, en conversa con Nós Diario, que o concepto de plurilingüismo "non existe": "É un eufemismo utilizado para excluír o galego dun campo fundamental como é o ensino, quen é plurilingüe é a humanidade de por si. O humanista e democrático é a opción de que cada sociedade poida practicar libremente o uso dunha lingua, oral e escrito, en todos os ámbitos".

Para ela, a aprobación desta norma en 2010 supuxo "unha nova agresión ao uso social e público do galego". Aliás, salienta a "enorme" resposta por parte da cidadanía durante estes anos: "A Mesa vén advertindo de forma constante sobre esta cuestión, e foron quen conseguiron que soase a alarma en institucións como a ONU ou o Consello de Europa", sostén, ao tempo que insta o persoal afectado —profesorado e alumnado— a que "tome conciencia" dunha cuestión que é "un asunto político de primeira orde".

Na mesma liña apunta o coordinador do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega (RAG) Henrique Monteagudo: "O decreto tivo o efecto negativo que xa previamos no seu momento, porque foi aprobado con informes contrarios de moitas institucións. Partiu como un ataque á norma anterior, por estratexia política, mais non responde a unha demanda social nin ás necesidades da lingua".

Isto constátase no informe que a RAG publicou en abril alertando de que 35% do alumnado castelanfalante remata a ESO "cunha escasa competencia" en lingua galega, algo que tamén apón ao "incumprimento" do propio decreto: "Como pode haber centros que oferten 50% da docencia en inglés?. Falta máis vixilancia e control".

comentarios