xoves 15/04/21

As entidades polas linguas do Estado instan o Goberno español a implementar o plurilingüismo

Representantes da Mesa pola Normalización Lingüística (Galiza), Kontseilua (Euskal Herria), Ciemen e Plataforma per a Llengua (Cataluña), Escola Valenciana e Acción Cultural de o País Valencia (País Valenciá) e Iniciativa pel Asturianu (Asturias) valoraron a aprobación no Congreso de parte do manifesto ‘Liberdade, igualdade, democracia’.

David Minoves, Marcos Maceira, Eva Terol, Francesc Marco e Paul Bilbao en Madrid  [Imaxe: A Mesa]
Imaxe de arquivo de representantes de diferentes entidades na defensa das linguas [Foto: A Mesa]

Representantes das entidades sociais de defensa das linguas do Estado valoraron esta quinta feira nunha rolda telemática  conxunta a aprobación parcial da Proposición non de Lei (PNL) sobre a realidade plurilingüe e igualdade lingüística por parte do Congreso dos Deputados como a apertura dunha xanela e reafirmaron o seu compromiso de “seguir traballando conxuntamente para abrilas todas”.

A Mesa pola Normalización Lingüística (Galiza), Kontseilua (Euskal Herria), Ciemen e Plataforma per a Llengua (Cataluña), Escola Valenciana e Acción Cultural de o País Valencia (País Valenciá) e Iniciativa pel Asturianu (Asturies) consideran “un pequeno paso cara á igualdade” a aprobación da Proposición non de lei (PNL) rexistrada por BNG, Compromís, PNV, EH Bildu, JxCat, PDCAT, ERC, CUP, Más Madrid e Podemos co obxectivo de garantir o uso da lingua propia a toda a cidadanía e exixen ao Goberno do Estado que implemente as medidas aprobadas e que asuma as recomendacións de obrigado cumprimento que lle vén de facer, na mesma liña, o Consello de Europa.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, defende a necesidade de que todos os poderes do Estado se comprometan co respecto real das linguas propias da súa cidadanía. “Desde a diferenza estabelecida na Constitución entre dereito de uso e deber de coñecemento, só para o español, até as máis de 500 disposicións legais de diferente rango xurídico”, recorda Maceira, “a desigualdade entre a lingua oficial do Estado e o resto de linguas propias de cada territorio é manifesta”.

“Á emenda común a todas as linguas, que foi aprobada por unha ampla maioría parlamentaria, cómpre engadirlle outros deberes asumidos polo Estado a través da ratificación de tratados internacionais como Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias ou acordos como a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos”, asegura.

Xanela aberta

O secretario xeral de Euskalgintzaren Kontseilua, Paul Bilbao, salienta que “dunha vez por todas, conseguimos debater a xestión das linguas propias en función dos parámetros de xustiza, igualdade e liberdade. Porque, como dixemos en Madrid, está en xogo a democracia se millóns de habitantes do Estado son considerados cidadáns de segunda”.

Xunto a iso, Bilbao fixo fincapé na responsabilidade e a flexibilidade dos axentes: “Pola nosa banda houbo unha disposición total para chegar a consensos, por iso resultounos incomprensible que se nos pedise que renunciásemos ao principio da igualdade lingüística. No entanto, e aínda que parecía que se ía a rexeitar toda a proposta, finalmente, grazas á presión que exercemos, conseguimos abrir algunha xanela”.

O representante de Iniciativa Pol Asturianu, Iván Llera, fixo unha valoración sobre o punto que se aprobou ao redor da oficialidade: “En canto á nosa lingua, supón un gran impulso ao noso labor e, polo tanto, á actitude dos partidos que defenden a oficialidade na Xunta Xeneral. O Goberno asturiano manifestou en varias ocasións que en setembro de 2021 iniciaría o proceso de reforma do Estatuto de Autonomía. Agora poderemos incrementar a presión ante os partidos que apoian a oficialidade para abrir canto antes o debate sobre a reforma do Estatuto, así como para recoñecer ao galego ese status nos concellos de Eo-Navia “.

Alexandra Usó, de Escola Valenciana, chamou a atención sobre como, no relativo ao catalán, “hai que conseguir que non haxa impedimentos para o seu uso, aínda que o nome da lingua sexa diferente en cada territorio, segundo os estatutos, catalán en Catalunya e Illas, valenciano en Valencia. Habería que pedir que o valenciano e o catalán sexan denominacións equivalentes e o texto debería servir para pedir á Avogacía do Estado que non volva pór en cuestión a separación lingüística”.

Toni Gisbert, de ACPV, pola súa banda, recordou que “o galego forma parte dun ámbito lingüístico máis amplo, o galego-portugués, separado polas fronteiras administrativas dos estados na Península Ibérica. A pesar das diferentes regras ortográficas para as variantes galega e portuguesa, a reciprocidade na recepción de medios de comunicación e audiovisuais axudaría a coñecer mellor entre os falantes estas variantes e a reconstruílas a través de modelos de verdadeiro galego”.

As entidades polas linguas do Estado instan o Goberno español a implementar o...
comentarios