luns 06/12/21

O galego segue a atopar obstáculos no ensino universitario

O estudantado ten denunciado a vulneración do seu dereito a se desenvolver en todos os eidos da vida universitaria en galego. Os servizos de normalización lingüística da UVigo, a UDC e a USC aseguran que esta liberdade "non está cuestionada", mais lembran a obriga do profesorado de comprender a lingua.
Imaxe de arquivo dunha aula impartida na Universidade de Vigo (Foto: UVigo).
Imaxe de arquivo dunha aula impartida na Universidade de Vigo (Foto: UVigo).

As redes sociais foron nas últimas datas o foco dun intenso debate sobre os dereitos lingüísticos do alumnado universitario na Galiza. Unha estudante de mestrado da Universidade de Vigo (UVigo) denunciaba publicamente a resposta que unha docente lle dera a unha pregunta sobre a materia formulada en galego: "Non estou moi segura do que me preguntas, pola lingua. Non son galega senón andaluza e cústame moito entender o galego, polo que, se non che importa, por favor, escríbeme en castelán para que entenda ben que me preguntas e contestar axeitadamente as túas preguntas. Desculpa, mais non sei galego".

Un tempo atrás, o pasado mes de novembro, un alumno da Universidade da Coruña (UDC) alertara tamén dunha situación semellante. Daquela, a profesora puxera trabas para avaliar un traballo escrito en lingua galega: "Finalmente, paréceme xusto comentarche que non podo corrixir a redacción en galego, como xa imaxinarías. Os textos que non entendo tradúzoos en Google, e valorarei a redacción segundo o texto que me dea".

Liberdade de elección coa obriga de coñecer o galego

"Malia que a profesora en cuestión non é da UVigo, senón da Universidade Complutense de Madrid, e só colabora nesa materia, ningunha docente pode responder así. O alumnado ten o dereito irrenunciábel de se expresar en galego, e en todo caso é a profesora quen ten que buscar os medios para entender a mensaxe, aínda que tampouco debería ter grandes problemas de comprensión ao tratarse dunha lingua románica", sostén, en declaracións a Nós Diario, o responsábel da Área de Normalización Lingüística da UVigo, Fernando Ramallo.

Tamén a UDC condenara no seu momento a reacción da docente que se negara a corrixir en galego: "Ela ten o dereito a escoller o idioma no que quere impartir as aulas, mais ten o deber e a obriga de coñecer o galego", expuxera daquela a este xornal o secretario xeral do centro, Carlos Aymerich. "O dereito a empregar o galego na universidade está garantido, e atendemos calquera queixa ou suxestión ao respecto", resaltaron nesta segunda feira as fontes consultadas do Servizo de Normalización.

O responsábel deste departamento na USC, Manuel Núñez, matiza que, posto que tanto o galego como o castelán son linguas oficiais na Galiza, a elección dunha ou outra na docencia "depende do profesorado", mais o alumnado conserva o seu dereito a ser atendido no idioma propio do país: "Se un ou unha alumna decide empregar o galego de forma oral ou escrita, o persoal docente debe entendelo e respectalo, e o mesmo acontece cando se imparte unha aula en galego e piden mudar ao castelán porque hai xente de fóra. Nese caso, a profesora ou profesor non ten por que deixar de usar o galego", explica.

Desde os departamentos de normalización das tres universidades salientan que tanto o profesorado como o alumnado dispón de cursos de lingua galega para non falantes: "O noso labor é asesorar e ofrecer formación a quen a precise, e sempre acostuma a haber unha alta demanda nos cursos de galego", di Ramallo.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Moito coñecemento e pouco uso da lingua

A raíz destas publicacións, xurdiu unha polémica arredor dunha cuestión esencial: está garantido o dereito a se expresar en todos os ámbitos da etapa universitaria en lingua galega?

A Universidade de Vigo publicou en 2018 un estudo sociolingüístico sobre o uso do galego na institución. Deste informe extráese un dato salientábel: malia que 92% do profesorado recoñece non ter "ningunha dificultade" para comprender a lingua galega e 75% para falala, só 23% emprega sempre o galego nas aulas e 16% faino "maioritariamente".

O resto, máis da metade, usa única (22%) ou maioritariamente o castelán (31%). E hai outro aspecto reflectido no documento que cómpre pór en valor: "Cando calquera docente utiliza o galego de forma habitual, o alumnado faino até 75% sempre ou maioritariamente". Porén, se o castelán é o idioma escollido, esta porcentaxe redúcese á metade.

Esta situación repítese nas outras dúas universidades galegas con datos moi semellantes. No tocante á USC, os datos facilitados polo Servizo de Normalización neste curso 2020-21 amosan un escenario prexudicial para o galego: tres de cada catro aulas impártense en castelán.

Nas tres institucións, o uso do galego varía en función do ámbito de coñecemento. Así, hai unha importante eiva nas titulacións de Ciencias da Saúde, mentres si predomina en Humanidades e Ciencias Sociais. Esta dicotomía obsérvase especialmente na USC: 97,6% das horas lectivas impártese en castelán na Facultade de Medicina, fronte a 99,9% do galego en Ciencias da Comunicación.

A lexislación garante o uso do galego

A Lei do Sistema Universitario da Galiza de 2013 dispón que o galego, como propia do país, é a lingua "de uso normal nas actividades das universidades", e o seu uso encoméndase ao estabelecido na Lei de Normalización Lingüística de 1983: "O profesorado e o alumnado no nivel universitario teñen o dereito a empregar, oralmente e por escrito, a lingua oficial da súa preferencia [...] O Goberno galego e as autoridades universitarias arbitrarán as medidas oportunas para normalizar o uso do galego".

Este dereito tamén está recollido nos estatutos das tres universidades. A UDC sinala o galego como o "vehículo normal de expresión", mentres a USC engade que a institución "potenciará e garantirá o uso pleno da lingua galega en todos os ámbitos". Tamén a UVigo salienta a protección dos dereitos lingüísticos.

O galego segue a atopar obstáculos no ensino universitario
comentarios