sábado 23/01/21

"No puedo corregir la redacción en gallego": denuncia nas redes da resposta dunha profesora universitaria a un traballo en galego

O chío xerou centos de respostas nas redes sociais.
Corredor dunha facultade nun campus universitario (Foto: Europa Press)
Corredor dunha facultade nun campus universitario (Foto: Europa Press)

"Finalmente, paréceme xusto comentarche que non podo corrixir a redacción en galego, como xa imaxinarías. Os textos que non entendo tradúzoos en Google, e valorarei a redacción segundo o texto que me dea". Este é o texto que na tarde de domingo o usuario @antonio_cendan colgaba na súa rede sociail, apontando que era "a resposta dunha profesora da UDC por enviar un traballo en galego, Ano 2020 universidade pública galega".

O texto axiña xerou reaccións de todo tipo nas redes sociais, a gran maioría das mesmas lamentando que o galego aínda estea lonxe da normalidade tamén nunha institución como é a universidade.

"Non contaba ter tal repercusión, mais falando cunha compañeira que recibiu a mesma mensaxe, esperamos que se tomen as medidas precisas e agardamos por unha desculpa, pero tendo sempre claro que cando se trata da defensa da lingua calar non é unha opción", escribía @antonio_cendan após a repercusión do seu comentario en twitter.

Entre as respostas, outras usuarias e usuarios lembraban que de ser os feitos tal e como se denuncian a docente estaría a incorrer nalgo ilegal, pois estaría a vulnerar a condición do galego como lingua oficial na Galiza e os dereitos dos seus falantes.

Aliás, apontan, vulneraría o dereito do alumnado que usa o galego a ter unha avaliación xusta.

Houbo moitas respostas animando a denunciar estes feitos ante a propia universidade. E tamén quen lembrou que "na normativa da lingua galega da UDC, dise que o galego será a lingua de "uso" na UDC. Isto é motivo de denuncia, porque estar a ser discriminado polo uso da lingua. Asesórate e denuncia ante o valedor universitario. Isto é inadmisible. Polo menos tes dereito a que valore".

Desculpas

A Universidade da Coruña, pola súa banda, xa se pronunciou sobre a polémica e dirixiuse directamente aos alumnos afectados a través do seu perfil oficial na rede social'.

Desde a institución puxéronse en contacto tanto co alumno que denunciou nas redes sociais a reposta recibida como coa profesora, de recente incorporación na UDC como consecuencia dun proceso de subrogación.

Carlos Aymerich, secretario xeral da Universidade e responsábel de Normalización Lingüística, incidiu en declaracións a Nós Diario que esta institución non se conforma con respectar que o galego sexa a súa lingua de uso senón que aposta nunha “normalización activa” do galego na universidade. De aí que o propio Aymerich persoalmente se puxese en contacto coa docente, para lle lembrar os "deberes lingüísticos” do profesorado.

Ela ten o dereito a escoller o idioma no que quere impartir as aulas”, sinalou Aymerich, “mais ten o deber, a obriga de coñecer o galego”. Neste sentido, explicou que a UDC ten dispoñíbeis servizos e programas para facilitar a “capacitación lingüística”.

O que parece que non está disposta a UDC é a que se repitan este tipo de situacións. “De persistir nesa actitude, deberiamos adoptar outras medidas”, advirte o secretario xeral da Universidade coruñesa.

comentarios