sábado 23/01/21

A UDC lémbralle á profesora que respondeu "no puedo corregir la redacción en gallego" que ten o deber de facelo

A universidade contactou co alumno para mostrarlle o apoio da institución e advirte á docente que, “de persistir nesa actitude”, a UDC “tomará outras medidas”.

Reitorado da UDC (Foto: UDC)
Reitorado da UDC (Foto: UDC)

A resposta dunha docente da UDC a un alumno, “non podo corrixir a redacción en galego, como xa imaxinarías. Os textos que non entendo tradúzoos en Google, e valorarei a redacción segundo o texto que me dea", non sentou nada ben na Universidade coruñesa.

Desde a institución puxéronse en contacto tanto co alumno que denunciou nas redes sociais a reposta recibida como coa profesora, de recente incorporación na UDC como consecuencia dun proceso de subrogación.

Carlos Aymerich, secretario xeral da Universidade e responsábel de Normalización Lingüística, incidiu en declaracións a Nós Diario que esta institución non se conforma con respectar que o galego sexa a súa lingua de uso senón que aposta nunha “normalización activa” do galego na universidade. De aí que o propio Aymerich persoalmente se puxese en contacto coa docente, para lle lembrar os "deberes lingüísticos” do profesorado.

“Ela ten o dereito a escoller o idioma no que quere impartir as aulas”, sinalou Aymerich, “mais ten o deber, a obriga de coñecer o galego”. Neste sentido, explicou que a UDC ten dispoñíbeis servizos e programas para facilitar a “capacitación lingüística”.

O que parece que non está disposta a UDC é a que se repitan este tipo de situacións. “De persistir nesa actitude, deberiamos adoptar outras medidas”, advirte o secretario xeral da Universidade coruñesa.

“Ser profesora é unha decisión que adopta libremente”, prosegue Aymerich, “e con ela asume dereitos e deberes”, que no caso da UDC tamén abrangue “o de facer efectivos os dereitos lingüísticos do alumnado” que usa o galego.

Ao alumno que realizou a denuncia en redes sociais, a UDC transmitiulle que conta “con todo o apoio” da institución para exercer o seu dereito a estudar en galego.

comentarios