O galego gaña a batalla da oficialidade no Congreso dos Deputados

A batalla pola lingua galega librouse esta terza feira fóra da casa. Tras 46 anos de veto, o Congreso dos Deputados aprobou o uso do galego, do euskera e do catalán na Cámara Baixa, con 176 votos a favor e 169 en contra, facendo efectiva unha demanda de vello das forzas nacionalistas.
santiago_abascal_abandona_sesion_plenaria_aprueba_uso_lenguas
photo_camera Os deputados de Vox abandonando o Congreso en protesta pola oficialización do galego. (Foto:Europa Press).

Corenta e seis anos despois da constitución do Congreso español, o galego gañou esta terza feira a oficialidade na Cámara Baixa. A proposta contou cos votos favorábeis de 176 congresistas e coa oposición de 169 deputadas  e deputados do Partido Popular, de Vox e da Unión del Pueblo Navarro (UPN). Precisamente, os representantes de Vox abandonaron o hemiciclo ao pouco de comezar a sesión, tras ser chamados á orde pola presidenta da Cámara, a socialista Francina Armengol, quen lles afeou que interromperan as intervencións doutros deputados.

O ton de boa parte das intervencións evidenciou o carácter histórico da sesión desta terza. Nesta liña, algúns dos voceiros parlamentarios salientaron os esforzos desenvolvidos, en pasadas lexislaturas, a favor desta reivindicación, lembrando as primeiras iniciativas, de hai perto de 20 anos. Neste sentido, o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, recuperou unha das propostas pioneiras a favor da oficialización do galego, do euskera e do catalán nas Cortes, a formulada en 2005 polo daquela deputado do BNG Francisco Rodríguez. Precisamente, a Rego, ao igual que a outros parlamentarios nacionalistas, retiráronlle a palabra en diversas sesións plenarias na pasada lexislatura por reclamaren a defensa dos dereitos das citadas linguas oficiais.

A apertura do debate correspondeulle ás formacións que presentaron a iniciativa legal onde se solicitaba a oficialización do galego, do euskera e do catalán. Neste sentido, a primeira intervención correu a cargo do deputado socialista por Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, quen empregou o galego e o español na súa alocución, defendendo que “a diversidade non vai en detrimento da unidade" e advertindo de que "a uniformidade non garante a cohesión”. "Teño sorte de pensar en varios idiomas", engadiu, para, a continuación, reclamar a protección da "riqueza cultural e lingüística de España".

A voceira de Sumar, Marta Lois, quen mesturou galego e español no seu discurso, indicou que se "normaliza" no Congreso "o que xa é normal fóra del" e apuntou que “era estraño que o que era natural dentro da sociedade española non se comprendera con normalidade dentro da Cámara". Nesta dirección, cargou contra o PP e Vox, sinalando que “fanse chamar constitucionalistas os que votan contra o matrimonio do mesmo sexo, da eutanasia, da Lei Trans; fanse chamar constitucionalistas os que non están a favor da Lei de Memoria Democrática".

Os representantes das forzas nacionalistas de Euskadi, Catalunya e Galiza explicaron o significado da proposta. Neste contexto, a voceira de Euskal Herria Bildu, Mertxe Aizpurua, que interveu en euskera e en castelán, aproveitou para focalizar o fondo do debate, sinalando que "somos unha nación, os pobos que formamos parte deste Estado somos diferentes nacións sen Estado, por iso hoxe a extrema dereita considera un ataque que todo o mundo poida falar na súa lingua". Na mesma liña, argumental, a deputada de Junts per Catalunya, Miriam Nogueras,  que elixiu exclusivamente o catalán para se expresar, asegurou que “isto vai de país, vai de nación, e de mentalidade de Estado, vai dunha relación de igual a igual. De facernos respectar".

O fondo do debate

O recoñecemento da existencia de varias linguas no Congreso español visualiza a efectos prácticos o carácter plurinacional do Estado. Así, o representante do PNV, Joseba Agirretxea, que interveu en euskera e español, asegurou que "a suposta defensa do castelán que fan algúns baséase só en ir en contra das outras linguas” e acusou a dereita de “non saber vivir en diversidade" e de "considerar inimigo" todo aquel "que non fala español". Na mesma orientación, Gabriel Rufián (ERC), que interveu de maneira exclusiva en catalán, afirmou que “un Estado que maltrata a súa pluralidade lingüística non merece tela".

O deputado do BNG, Néstor Rego, empregou o galego ao longo de toda a súa intervención para apuntar que “hoxe é o recoñecemento práctico de que neste Estado convivimos nacións e pobos diferentes, que temos lingua propia e dereito a usala". Engadiu que "hoxe o galego dá un paso máis, detrás virán outros" e subliñou que o "compromiso do BNG" é traballar "para que este recoñecemento de que somos un pobo con lingua propia, que temos dereito a usala con normalidade, se torne no recoñecemento de que somos unha nación con dereitos. Porque nós soñamos unha Galiza libre e próspera cunha lingua plenamente normalizada”.

A oposición á oficialización do catalán, éuscaro e galego chegou das bancadas de Unión del Pueblo Navarro (UPN), de PP e de Vox.  Así, o deputado popular Borja Sémper cargou contra as forzas nacionalistas, acusándoas de querer que "creamos un relato que non é real" e destacando que “vivimos nun país onde durante demasiadas décadas non todo o mundo se podía expresar na súa lingua, e agora temos a sorte de compartir unha lingua común, o castelán, e de manter vivo o resto de linguas”. Neste marco, reclamoulle “prudencia” ao voceiro do BNG e demandoulle que “non fale en nome dos galegos porque só ten un deputado e nós temos 13”.

O presidente de Vox, Santiago Abascal, anunciou ao remate da sesión a decisión da súa formación de solicitar no Senado a prohibición do uso do catalán, do euskera e do galego nesa Cámara. Argumentou que “hoxe no Congreso a maioría golpista impúxose pola mínima” e defendeu que “polo menos haxa unha Cámara en España onde todos os españois poidan entenderse e entender o que din os seus representantes”.


Alfonso Rueda rexeita o uso da lingua galega nas Cortes Españolas

A negativa do Partido Popular a apoiar o uso do galego no Congreso dos Deputados tivo a súa replica na dinámica política do país. A este respecto, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, explicou o seu rexeitamento ao recoñecemento do idioma propio da Galiza na Cámara Baixa española asegurando que "é unha cesión a pedimento dun partido independentista catalán para apoiar unha investidura” e cargando contra o BNG, ao que acusou de "non entender" que "poida haber diferentes puntos de vista".

"Non atoparán a ninguén máis respectuoso co galego, co valor que ten e co importante que é que teñamos dúas linguas na Galiza", manifestou Rueda, que a seguir engadiu, “pero estamos a falar dunha sesión de investidura e creo que é normal dicir que o importante é o que se diga". "Coido que hai cousas que todo o mundo entende", acrecentou Rueda, quen denunciou que ao BNG "non lle preocupa absolutamente nada" o galego, porque “están dispostos a apoiar a Pedro Sánchez”.

As palabras de Rueda chegaron tras as críticas de Rego no Congreso, quen afirmou que "é indigno que quen exerce como presidente do Goberno galego, e que ten a obriga legal de defender a nosa lingua, estea en contra de que gañe novos espazos de uso. É deshonroso que renegue da lingua do seu pobo. É indecente que hoxe aquí, quen exerceu durante 13 anos como presidente da Xunta da Galiza [por Feixoo], vote en contra". Lembrou tamén que Feixoo "ten no seu haber a dubidosa honra de lexislar contra o galego co mal chamado decreto de plurilingüismo" no ensino.

Comentarios