Unha escritora sevillana incomódase coa lingua galega na Selic mentres unha autora vasca intervén en galego

A escritora andaluza Susana Martín Gijón publicou varias mensaxes na rede social Twitter relacionadas co uso do galego que xeraron gran polémica por parte de múltples persoas usuarias.
A autora Susana Martín Gijón durante o decorrer da Selic en Compostela. (Foto: Selic)
photo_camera A autora Susana Martín Gijón durante o decorrer da Selic en Compostela (Foto: Selic).

A Semana do Libro de Compostela (Selic) finalizou esta fin de semana. Este espazo para a literatura serve de escaparate para autoras e autores e as súas obras. Un festival en que a lingua desempeña un papel moi importante.

Mais a cuestión lingüística non foi do agrado da escritora sevillana Susana Martín Gijón. Esta autora de novela negra foi convidada a participar na Selic e, unha vez finalizado o coloquio no cal tomou parte, decidiu facer unha reflexión na súa conta de Twitter que xerou gran polémica.

“Onte acontecume algo no festival literario ao que fun convidada que me fixo sentir incómoda e que quero compartir, porque igual se me escapan cousas”, iniciaba a mensaxe Martín.

Continuou dicindo que “como me falaban en galego, pregunteille ao organizador da mesa que se esta se desenvolvería en castelán, e díxome que cada unha falaría o que quixese e que se eu tiña algún problema, era mellor que o falase coas miñas compañeiras”.

“Estamos a perder o norte”

Despois de alegar que isto “dificultaría a comunicación”, a escritora espetou que “estamos a perder o norte se nos agarramos á nosa lingua até o punto de non pornos no lugar de quen non a fala, porque a comunicación non vai diso”.

Estas mensaxes xeraron polémica por parte de múltiples usuarios da rede social Twitter, polo que a autora decidiu finalmente eliminar o chío.

Unha autora vasca, en galego

A outra cara da moeda púxoa Oihane Amantegi, autora vasca que decidiu facer as súas intervención na Selic en lingua galega.

Amantegi estivo acompañada de Berta Dávila na súa palestra na cal falaron do libro Conto ao carón do río da autora vasca que foi traducido ao galego por Isaac Xubín.

Comentarios