Cristina Morales e Miguelanxo Prado abrirán a Selic en Compostela

O Festival da Lectura viaxará até Fisterra da man de Antía Yañez.
O autor de cómic Miguelanxo Prado acumula unha carreira de publicacións de máis de 40 anos. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O autor de cómic Miguelanxo Prado acumula unha carreira de publicacións de máis de 40 anos. (Foto: Nós Diario)

O Festival da Lectura Selic comeza esta sexta feira en Compostela e faino cunha cargada axenda de actividades. Na praza da Quintana, o protagonismo será para Cristina Morales e Miguelanxo Prado, mais tamén para outras propostas creadoras.

Alén da capital, Antía Yáñez encontrarase coa rapazada do IES Fin do camiño de Fisterra e as gañadoras do premio Selic 2023, Carme Varela (Faise o escuro) e Puri Cabido (Areanegra na casa encantada), conversarán sobre as súas obras galardoadas.

Haberá, ademais lecturas dramatizadas con Mónica Camaño, Xosé Barato e Inés Salvado arredor dos libros editados por Irmás Cartoné Kyra Kyralina (Panait Israti), A campá de vidro, (Sylvia Plath) e Canas ao vento (Grazia Deledda).

Marilar Aleixandre e Fran Bueno asinarán exemplares d'Os escachapedras (Demo Editorial). 

Teatro e andainas

Por outra parte, a Selic, nesta sétima edición, contará coa compañía  Chévere que fará un repaso pola súa obra publicada a través  dunha performance titulada

O papel de Chévere. Deste grupo, o 14 de xuño estarán Patricia de Lorenzo, Xesús Ron e Miguel de Lira para facer unha viaxe polos seus 35 anos de axitación cultural, como recoñece o volume editado por Kalandraka.

Recibirá tamén unha achega singular a obra teatral Doentes (Edicións Positivas), de Roberto Vidal Bolaño, a través dun paseo dramatizado, o 11 de xuño, da man de Mónica Camaño e Silda García.

 O festival contará, ademais, con paseos enmarcados na nova sección criminal. Serán o 14 de xuño, con Lito Vila, e ao día seguinte con Suso de Toro. Estas andainas chegan da man da AELG.

Comentarios