As entidades en defensa do galego, catalán e euskera denuncian que a nova Lei do audiovisual é "insuficiente"

Anuncian tamén a súa presenza no debate no Congreso o día 26 de maio. Antes, manterán unha concentración ás portas do edificio ás 10.30 horas.
Marcos Maceira xunto con outros representantes de entidades polas linguas do Estado. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Marcos Maceira xunto con outros representantes de entidades polas linguas do Estado. (Foto: Nós Diario)

Representantes da Mesa pola Normalización Lingüística (AMNL), Euskalgintzaren Kontseilua, Òmnium Cultural, Plataforma per la Llengua, Ciemen, Acció Cultural del País Valenciá, Obra Cultural Balear, Escola Valenciana, Associació Cultural Valenciana Tirant lo Blanc, Federación de Organitzacions per la Llengua (Països Catalans), Iniciativa pol Asturianu (Asturies) e Nogará religada (Aragón) volven cualificar de "insuficiente" a nova Lei do audiovisual que nas últimas semanas está a tramitarse no Congreso.

"Se ben a presión política e social impulsada polas entidades a favor das linguas foi determinante para se incluíren mínimos para todas as linguas tanto nas cotas de catálogo das plataformas e das emisións de TVE, como no financiamento anticipado", sinalan nun comunicado conxunto publicado esta sexta feira, "as modificacións introducidas son claramente insuficientes e testemuñais ao representaren entre 0,35% e 2,55% do conxunto".

Para as plataformas, "se as cotas que se estabelecerán co pretendido obxectivo de garantir a pluralidade lingüística son testemuñais, a lei reduce a súa incidencia ao deixar fóra de regulación a plataformas internacionais como Netflix, HBO, Prime ou Disney que se cinguirán á autorregulación que estabeleceren".

"En relación á lexendaxe, audiodescricións e interfaces, a proposta de Lei que irá ao pleno non contempla a obrigatoriedade de dar opción de escolla de lingua ás persoas usuarias o que na práctica impedirá o uso de calquera lingua que non for o español ao visualizar versións orixinais lexendadas de filmes e series", engaden no comunicado

Outros aspectos da lei

As entidades critican que "non se estabelecen mínimos de presenza para todas as linguas" limitándose sinalar que se engadirán contidos nas linguas diferentes do español", con respecto á obra audiovisual dobrada.

"A proposta que irá ao pleno do Congreso é agresiva coas produtoras independentes, até o de agora o sector que garantía a existencia da mínima oferta dispoñíbel nas linguas diferentes do español", lamentan.

Neste sentido, as entidades veñen de instar ao goberno español e aos partidos que o apoian a "abandonaren o inmobilismo e as reticencias ao recoñecemento pleno de todas as linguas en igualdade de condicións, e nesa dirección seguirán a traballar".

Anuncian tamén a súa presenza no debate no Congreso o día 26 de maio. Antes, manterán unha concentración ás portas do edificio ás 10.30 horas.

Comentarios