A Xunta reduce 78% da partida de edicións en galego

As cifras relativas ao empréstito de libros que a Xunta fixo públicas no día en que as bibliotecas celebraban o Día do Usuario, efeméride recollida no calendario do libro e da lectura da Galiza, contrastan coas partidas orzamentarias que o Executivo galego adxudicou para o funcionamento e a dotación das bibliotecas galegas durante o próximo ano. 
Os préstamos bibliotecarios aumentaron 23% no último ano. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Os préstamos bibliotecarios aumentaron 23% no último ano. (Foto: Nós Diario)

A Xunta da Galiza vén de facer públicos os datos de uso da Rede de Bibliotecas da Galiza durante o ano 2022. Segundo a Administración galega, esta rede formada por máis de 300 centros públicos fechou o ano con perto de 1,6 millóns de préstamos. Este dato supón un incremento de 23% con respecto ao ano anterior. Na mesma liña, nos centros xestionados polo Goberno galego leváronse a cabo uns 750.000 préstamos, isto é, 5,6% máis que en 2021. 

As cifras que a Xunta fixo públicas no día en que as bibliotecas celebraban o Día do Usuario, efeméride recollida no calendario do libro e da lectura da Galiza, contrastan coas partidas orzamentarias que o Executivo galego adxudicou para o funcionamento e a dotación das bibliotecas galegas durante o próximo ano. 

En 2023 o orzamento da Xunta para as bibliotecas públicas galegas experimentará un crecemento de 5,6%, nun contexto de suba da inflación de 5,8% en decembro de 2022. O crecemento das bibliotecas limítase ás partidas relacionadas coa apertura de bibliotecas itinerantes, que aumentan respectivamente 54% e 86%. 

Porén, as edicións en galego en lotes fundacionais baixa de maneira considerábel, pasando de 214.301 euros en 2022, a 46.717 euros; isto é, a dotación de fondos con libros en galego viuse reducida en 78% .  

Orzamentos bibliotecarios paralizados

Obsérvase así que a pesar de aumentar a porcentaxe de préstamos realizados durante 2022, o aumento das partidas orzamentarias está destinado exclusivamente para a posta en marcha do servizo de bibliotecas itinerantes.

Tal e como sinalan desde a Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación da Galiza (Bamad), se non se teñen en conta estas partidas destinadas á creación de 'bibliobuses', o orzamento para bibliotecas da Xunta da Galiza para 2023 baixa de maneira considerábel.

Desde Bamad, así como BNG e PSdeG, reclaman, ante uns orzamentos "elaborados de costas" á realidade da Rede de Bibliotecas da Galiza, mellores partidas para as bibliotecas e o desenvolvemento de políticas de fomento do libro e da lectura, así como o cumprimento da Lei do Libro e da Lectura coa participación de todo o sector.
 

Comentarios