Denuncian que alumnado berciano que quere continuar a estudar galego non pode facelo por falta de oferta

“Asistimos a un novo exemplo de discrecionalidade política. O alumnado non pode continuar os seus estudos de galego no instituto de Fuentesnuevas pola falta de autorización administrativa de carácter político”, alertan desde o colectivo Fala Ceibe do Bierzo.
Imaxe do instituto 'Fuentesnuevas', no Bierzo (Foto: Junta de Castilla y León).
photo_camera Imaxe do instituto 'Fuentesnuevas', no Bierzo (Foto: Junta de Castilla y León).

O colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo informou dunha nova demanda relacionada co ensino da lingua galega no territorio. Segundo o colectivo, varias Asociacións de Nais e Pais de Alumnado (Anpas) de colexios denuncian que “non se poden continuar os estudos de lingua galega”.

Estas Anpas bercianas indican que nos seus respectivos colexios pódese estudar a materia de galego coa fin de obter a titulación de galego Celga 1. O alumnado deses centros desexa continuar cos estudos de galego no instituto de ‘Fuentesnuevas’, ao cal quedan adscritos por vinculación territorial.

O problema é que se se matriculan en dito instituto non poden continuar os seus estudos de idioma galego porque non se oferta esta materia actualmente. Así o seu alumnado “vese obrigado a matricularse noutros institutos máis afastados, o que tamén provoca a perda do compañeirismo estudiantil lingüístico en galego”.

Por todo isto demándase a “oferta inmediata” da materia de lingua galega no instituto de Fuentesnuevas. Deste modo, os novos alumnos, procedentes doutros colexios poderán continuar os seus estudos de galego e finalmente obter o novo título Celga 2.

“Asistimos a un novo exemplo de discrecionalidade política. O alumnado non pode continuar os seus estudos de galego no instituto de Fuentesnuevas pola falta de autorización administrativa de carácter político”, alertan desde o colectivo.  

Acrecentan, ademais, que “en dito instituto se imparte a rama sanitaria, e o título de galego Celga 2 permitirá opositar con éxito á oferta de postos de traballo no Servizo Galego de Saúde (Sergas), Ademáis, o título Celga 2 posibilita  superar outras numerosas oposiciois na Galiza”.

Normativa educativa

Desde Fala Ceibe, lembran que a nova normativa educativa “resulta favorábel ao ensino do galego no Bierzo, exemplo da ORDE EDU/418/2023, de 22 de marzo, pola que se modifica a Orde EDU/1075/2016, de 19 de decembro, pola que se regulan os proxectos de autonomía en centros docentes sostidos con fondos públicos da Comunidade de Castela e León que imparten educación primaria, secundaria obrigatoria e bacharelato”.

Dita norma, aseguran, “permite a continuidade dos estudos de lingua galega nas distintas etapas educativas. Así se indica expresamente no artígo 4.3”.

Comentarios