Un de cada tres alumnos castelanfalante remata a ESO con “escasa competencia” en galego

O alumnado galegofalante domina galego e castelán, mentres que máis dun 35% do castelanfalante ten unha escasa competencia en galego. Esta é unha das conclusións do proxecto de avaliación da competencia bilingüe do alumnado de 4º da ESO realizado polo Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega e que se presentou hoxe na Deputación de Pontevedra.
RAG COMPETENCIAS1
photo_camera H. Monteagudo, María López Sández, Victor Freixanes e Maróa Ortega (Foto: Nós Diario)

O alumnado galegofalante ten un dominio similar nos dous idiomas, galego e castelán, mentres que máis dun 35% do castelanfalante ten unha escasa competencia en galego. Esta é unha das conclusións do proxecto de avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán do alumnado de 4º da ESO realizado polo Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega e que se presentou hoxe na Deputación de Pontevedra.

O traballo permitiu constatar que, aínda que de forma global a xeración Z ou dos centennials remata a Secundaria obrigatoria cunha competencia aceptábel nas dúas linguas oficiais, este retrato xeral oculta unha realidade ben diferente na que se constata un acusado desequilibrio en detrimento do galego.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o coordinador do Seminario de Sociolingüística da Academia, Henrique Monteagudo; e a investigadora María López Sández, profesora da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e coordinadora do grupo de traballo do proxecto; xunto coa deputada de Lingua da Deputación de Pontevedra, María Ortega Iñarrea, expuxeron en rolda de prensa os principais resultados do estudo, desenvolvido co apoio da Deputación de Pontevedra e recollido nun volume dispoñible en versión dixital na sección de publicacións de academia.gal.

 “Non podemos aceptar a situación actual, que conduce na práctica a un abandono progresivo do galego. Por moitos discursos e moita retórica que fagamos, a escola segue sendo o alicerce do futuro do idioma, moi principalmente nos primeiros niveis do ensino”, concluíu Freixanes

Os resultados desta investigación poñen de relevo a importancia da escola para a adquisición das competencias escritas e o coñecemento do código, mentres que a lingua familiar se revela como o contexto de maior importancia para o desenvolvemento da oralidade.

O presidente da RAG advertiu que o informe constata que o modelo lingüístico vixente no sistema educativo está consolidando os desequilibrios existentes no canto de compensalos e reclamou medidas de diversa natureza para reverter o retroceso do galego na mocidade.

Na privada, peor nivel en galego

O dominio parello dos dous idiomas está relacionado cun perfil de estudante que ten a lingua galega presente na súa vida cotiá, dende a familia até a escola. Outro factor determinante é a titularidade do centro: o estudo conclúe que os centennials dos institutos públicos rematan a ESO cunha competencia semellante en ambas as linguas, en contraste co que acontece na rede privada, onde se gradúan cun dominio bastante máis deficiente en galego ca en castelán.

 “Non podemos aceptar a situación actual, que conduce na práctica a un abandono progresivo do galego. Por moitos discursos e moita retórica que fagamos, a escola segue sendo o alicerce do futuro do idioma, moi principalmente nos primeiros niveis do ensino”, concluíu Freixanes.

A deputada de Lingua María Ortega, pola súa banda, destacou a importancia de fomentar o uso do galego noutros ámbitos da vida máis alá do desenvolvemento e aprendizaxe na escola, e manifestou que a Deputación de Pontevedra sempre apoiará as iniciativas daquelas entidades “que traballan a prol da defensa da nosa lingua en ámbitos tan diferentes como a ciencia, a economía, no ocio, no dereito, no deporte…”, dixo.

Mellores resultados no rural e nos centros públicos

Case o 44% dos preto de 600 estudantes de 26 centros de secundaria participantes na mostra sinalaron que tiñan tanto o galego como o castelán por lingua inicial, o 36,1% indicou o castelán e, nunha proporción menor, o 18,1% sinalou o galego. En canto á lingua de uso maioritario, case o 70% respondeu que fala única ou preferentemente o castelán, mentres que só fai un uso similar do galego o 30%.

O traballo describiu a presenza dun importante sector de alumnado cunha escasa competencia en galego. Esta febleza atinxe fundamentalmente á capacidade para comunicarse oralmente e á comprensión léxica, e afecta sobre todo a mozos e mozas principalmente castelanfalantes que residen no urbano ou periurbano galego. A porcentaxe de estudantes con este perfil acada cifras entre un 35% para a competencia léxica e un 40% para a oralidade, se ben existen notábeis diferenzas de xénero na expresión oral, máis pobre entre os rapaces.

Segundo o perfil lingüístico, a mocidade galegofalante tende a unha competencia bilingüe máis equilibrada nas dúas linguas, mentres que na castelanfalante constata a existencia dun perfil dominante en castelán nas competencias comunicativas orais, léxicas e gramaticais. Porén, a lingua habitual non afecta ás capacidades escritas da tamén chamada xeración Z.

Canto á titularidade do centro de ensino, os resultados son claros: non se manifestan diferenzas nas competencias en castelán, pero esta variábel si que inflúe no dominio do galego.

Arredor dun 55% do alumnado dos centros privados e un 40% dos concertados remata o ensino obrigatorio cunha aceptábel capacidade para se expresar por escrito en castelán pero con problemas para facelo en galego, mentres que nos institutos de titularidade pública esta porcentaxe se reduce a menos da metade.

Comentarios