O BNG e a Mesa instan Feixoo a derrogar o "decreto da vergoña" que "discrimina" o galego

O BNG e a Mesa instan Feixoo a derrogar o "decreto da vergoña" que "discrimina" o galego

O BNG e a Mesa pola Normalización Lingüística reclamaron onte a derrogación do decreto 79/2010 para o plurilingüismo, que coincidiron en denominar como "decreto da vergoña", porque "limita o uso do galego no ensino" e está a provocar "que o idioma propio perda espazo e retroceda entre a xente máis nova".
Ana Pontón con Marcos Maceiras e Celia Armas.
photo_camera Ana Pontón con Marcos Maceiras e Celia Armas (Europa Press)

Así o expresaron a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o presidente da Mesa, Marcos Maceiras, após dun encontro no Parlamento no que analizaron o informe do Consello Europeo, que resultou moi crítico coa política da Xunta en materia lingüística.

Pontón salientou que o "demoledor" informe deixa ao descuberto que a Xunta, pero tamén o Goberno central, "incumpren a legalidade vixente" e están poñendo "atrancos e barreiras" ao desenvolvemento e uso normal do galego.

"Non é un proceso casual senón a consecuencia dunha política do PP que busca a asfixia deliberada da lingua galega mediante un proceso de substitución lingüística onde o galego ocupa cada vez menos espazo e é discriminado polas institucións que teñen o mandato de protexelo", sinalou a líder nacionalista.

No encontro, no que tamén participou Celia Armas, membro da permanente da Mesa, Maceiras asegurou que a "actitude de rebeldía" da Xunta contra a Carta Europea das Linguas "sitúanos ao nivel de Hungría e Polonia, que se opoñen ás recomendacións do Consello de Europa en cuestións de democracia e dereitos humanos".

"Fronte ao deterioro da lingua galega", criticou Pontón, "o que temos enfronte é o negacionismo da Xunta e do PP, que en lugar de asumir a realidade e o problema de futuro que representa, o que fai é unha fuxida cara a adiante mesmo cun Feixoo descualificando o informe dos expertos".

A portavoz do BNG instou a Xunta a rectificar unha política que, nas súas palabras, "leva a unha discriminación efectiva das persoas galegofalantes". "Hai que mudar a política lingüicida por unha de apoio á lingua propia, non en van é o que máis nos define como galegos e galegas”, engadiu.

Pontón alertou duns datos "moi preocupantes", pois como recolle o Instituto Galego de Estatística un de cada catro menores de 15 anos non sabe falar galego hoxe e, na última década, a porcentaxe de menores de 15 anos que nunca fala en galego disparouse pasando do 29,59% en 2008 ao 44,13% en 2018.

Comentarios