As Letras Galegas ateigan o Obradoiro

Milleiros de persoas de todo o país desprazáronse a Compostela para participar na concentración convocada por Queremos Galego, nun 17 de maio de celebración e reivindicación pola lingua.
Manifestación de Queremos Galego na praza do Obradoiro. (Foto: Arxina)
photo_camera Manifestación de Queremos Galego na praza do Obradoiro. (Foto: Arxina)

Despois de semanas de choiva en Compostela, o sol decidiu saír de novo para celebrar esta segunda feira xunto a milleiros de persoas o día grande da lingua e das letras galegas na praza do Obradoiro, tras a convocatoria feita por Queremos Galego, plataforma que reúne máis de 500 entidades sociais e culturais en defensa do idioma.

“Queremos vivir en galego” foi o lema da concentración e o berro máis repetido entre a multitude, que se espallaba ao pé da catedral e á sombra dos soportais do Colexio de San Xerome e do Pazo de Raxoi, ao estar ateigado o espazo delimitado pola organización -que comprendía case a totalidade da praza-, no que a xente se mantivo repartida en fileiras e respectando as distancias marcadas.

Nun Día das Letras aínda atípico debido ás restricións impostas pola pandemia derivada da Covid-19, que obrigaron á suspensión da manifestación en 2020, impúxose o espírito festivo, así como “a necesidade de implicarse e comprometerse coa lingua e a cultura”, salienta Dudu (54 anos), voluntaria na organización do evento nada en Lannuon (Bretaña), mais presente neste acto desde que en 1992 aterrou en Compostela, que asemade ofrece unhas das chaves desta data, “poder encontrarte coa xente de todo o país”.

Desde Abegondo, Noemí (34), Rubén (34), Antón (2) e Martiño (5 meses) decidiron acudir a Compostela á primeira concentración do pequeno da familia “porque entendemos que a situación do galego é complicada e precísase darlle visibilidade”, fai falla “máis investimento en recursos para inverter a situación”, incide Rubén.

Coincide con el Neves (65), de Narón, quen explica como “se os teus avós falan en galego” a mocidade ten vías de acceso á lingua nun ambiente cotián, mais cando non é así, lamenta que este contacto co idioma na súa zona se reduce ao ensino público.

Lourdes (34), de Lalín, abunda neste diagnóstico e advirte que na comarca do Deza cada vez menos nenas e nenos usan o galego nas zonas urbanas, “por iso é imprescindíbel” participar en accións que dean pulo á lingua e amosen a súa vitalidade, como a concentración de hoxe en Compostela.

Ao tempo que o público atestaba a praza incluso antes das 12 do mediodía, hora programada para a concentración, o grupo Ciganoite e a actriz Isabel Risco encargáronse de acompañar o bo tempo e erguer o ánimo, “o galego é unha lingua moi ben dotada”, proclamaba, antes de repasar as infinitas facetas nas que se pode usar, “un idioma que é útil na vida”, concluía Risco.

Escoitándoa con atención e seguindo o ritmo da música estaba Xan (10 anos), apenas uns minutos despois de chegar desde Moaña coa súa nai, “temos que defender o galego”, xustificaba para explicar por que estaba presente na concentración, mentres lembraba que o idioma propio “é unha riqueza para a Galiza”.

A uns metros cara ao centro do Obradoiro, Brais Alexandre (35), de Vilagarcía de Arousa, defendía que “o Goberno ten o deber de apoiar a lingua”, xa non porque non desapareza, “senón porque se ten que fortalecer” desde agora mesmo e segue a ser “a obra máis importante do pobo galego”.

Discriminación positiva

“Como castelanfalante defendo os dereitos das persoas galegofalantes e teríase que impulsar unha discriminación positiva” para evitar “o perigo de extinción” que sofre o galego, sinala Francisco (45), ‘Chisco’, quen veu desde Vigo para apoiar a lingua galega. Asemade, quixo deixar claro que as medidas necesarias para garantir o espazo e uso do galego “en ningún caso violan os dereitos dos que falamos castelán”, asumindo que a súa extensión de falantes en distintos estados do planeta deixa moi claro que non é unha lingua en perigo.

Xa atinxido o punto de ebulición dunha riada de xente que non deixaba de chegar, a Catedral repenicou, fíxose o silencio, e Isabel Risco realizou un chamamento a converter o Uah! de Suso Bahamonde nun "Uah, queremos galego xa!", que deu comezo á lectura do manifesto "Queremos vivir en galego"

Os aplausos deixaron claro que se as persoas adultas pedían investimento, os e as cativas tiñan moi claro en que: no Xabarín e nunha canle para a infancia e a mocidade, apenas uns días despois de que o Parlamento da Galiza aprobara por unanimidade crear unha canle específica para este sector da poboación a raíz das máis de 33.000 sinaturas presentadas pola Mesa pola Normalización Lingüística, principal impulsora da plataforma Queremos Galego.

E precisamente foi o actor e director de dobraxe Antón Rubal, unha das voces que deron vida en galego a series como Dragon Ball, un dos participantes que recibiu unha maior ovación, ao pedir que galegas e galegos de todas as idades poidan acceder a contidos na súa lingua, “tiña que ser un dereito”, destacou, á par que explicaba que non só “queremos ver o de fóra en galego”, tamén que no exterior poidan gozar da nosa produción nos seus idiomas.

Precedérono no palco na lectura do manifesto Marta Romero, traballadora do aeroporto de Rosalía de Castro de Compostela represaliada por usar o galego, que pediu falalo “sen estar limitado por nada nin por ninguén”; e Eduardo, estudante de ESO, que instou a espallar o galego como unha lingua “con espazos de uso, non de ocultación”, que estea presente nos tempos de lecer.

En galego até “nos servizos privatizados”, clamou Anxos Sobriño, da Coordinadora de Traballadoras e Traballadores de Normalización da Lingua, que solicitou a eliminación dos obstáculos para a normalización da lingua na Administración Pública, como o requisito de obrigatoriedade do que goza o castelán, moi lonxe do papel reservado para a lingua galega nese eido.

Xela Arias

“Un pobo que se afasta do seu idioma afástase da súa cultura. Quere iso dicir que a un pobo ao que afastan do seu idioma afástano da súa cultura”, con esta cita de Xela Arias, homenaxeada neste Día das Letras Galegas, cando contaba 26 anos, comezou a súa intervención Marcos Maceira, voceiro de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística.

Maceira repasou a situación actual do idioma, laiándose de que “40 anos de autonomía non garantiron a posibilidade de emprego da lingua propia con total liberdade, sen restricións, con presenza absoluta na Administración pública, na empresa, na vida social ou cultural. Sen coaccións que obriguen a optar por outra lingua renunciando á propia”.

Como exemplo desta realidade, o voceiro da plataforma narrou como, revisando os contidos das plataformas audiovisual, descubriron que “o catálogo global é de 25.872 títulos en español e outras linguas. Só 25 en galego”, no referente aos xogos e xoguetes que se poden adquirir na Galiza “só o 0,4% teñen algo en galego”.

A importancia do apoio social na Galiza á lingua constátase en que “somos a única nación do Estado na que a lingua está sostida exclusivamente na forza da sociedade, sen goberno e soporte institucional que acompañe”, apunta Maceira, quen incidiu en que “é a sociedade quen está a atenuar, en solitario, os efectos da desigualdade e de falta de liberdade plena para vivir en galego”.

A mellor proba, mantivo, é que iniciativas como a canle Xabarín non viñeron da Xunta, senón do “esforzo de centos de persoas que recolleron sinaturas ou ofreceron os seus estabelecementos para facelo posíbel”, isto demostra que “se hai galego en certos espazos é porque hai presión social para conseguilo”, amais foi ese mesmo compromiso social o que evitou que os retrocesos na situación do idioma non fosen “maiores, máis intensos e agresivos”.

“Éxitos como este demostran que non estamos predestinados a ser un pobo falido”, engadiu Maceira, “porque hai miles de persoas actuando para repola, reparala e retornala á normalidade como estamos a demostrar hoxe máis unha vez”.

A lingua galega está viva, e “mentres unha parte significativa da sociedade galega sexa consciente e traslade esa consciencia a unha práctica reparadora, seguirá existindo o galego e haberá posibilidade de reverter a súa situación e garantir o seu futuro”, rematou Maceira.

Loitas e lingua

O Día das Letras Galegas de 2021 foi un festexo das infinitas opcións que nos abre o idioma, inzado de bandeiras galegas, de entidades que traballan arredor da Galiza, organizacións políticas e sindicais ou do colectivo Lgtbi, no que tamén estiveron presentes moitas das reivindicacións do día a día.

Alí exixiuse moito para o futuro da nosa lingua, mais tamén se pediu que nos devolvan o roubado, en referencia ao espolio do Pazo de Meirás -e tamén ao que contén-, ou que se protexa o medio ambiente da proliferación descontrolada de parques eólicos. Neste aspecto, Manuel (62) de Lugo, explicaba durante a concentración que soñaba cun “país que non se negue a si mesmo”, e reclamou loitar “contra a destrución da paisaxe e o medio”.

Coa música de Xiao Berlai e as notas do himno coreadas por toda a praza acabou a concentración, nunha xornada que amosou unha vez máis que mentres haxa persoas que a defendan, para a lingua galega todos os días son de sol, até en Compostela.

Comentarios