Ana Miranda denuncia en Bruxelas a exclusión de 'Nós Diario' das axudas da Xunta á prensa

A portavoz do BNG en Europa participou en Bruxelas na Conferencia sobre o Futuro de Europa na que reclamou "respecto" pola lingua galega fronte a "política de destrución" de Feixoo.
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Miranda.

"A lingua propia do meu país, Galiza, é unha desas linguas que debe ser protexida. Tristemente, debe ser protexida dos ataques que sofre por parte do seu propio Goberno", expuxo Ana Miranda esta terza feira en Bruxelas.

A promoción das linguas desprotexidas de Europa centrou a mesa redonda organizada pola Fundación Europea Coppieters e a Fundación Iratzara no marco da Conferencia sobre o Futuro de Europa na que participou a voceira nacionalista en Europa.

Na súa intervención defendeu redobrar os esforzos e o investimento para protexer comunidades lingüísticas como a galega, "fronte a política de destrución e minorización que leva a cabo o Goberno de Núñez Feixoo", precisou no caso do galego.

Miranda botou man de palabras das de Castelao parea iniciar a súa participación na que lembrou os continuos avisos do Consello de Europa ante as dificultades que atopa a lingua propia da Galiza en ámbitos como a xustiza e a administración, así como no ensino.

Neste eido, Ana Miranda criticou que en virtude do Decreto do plurilingüismo, naGaliza é imposóbel que os nenos e nenas poidan desenvolver as súas etapas educativas en galego. "O Goberno de Feixoo está botando o galego das escolas", denunciou, ao tempo que criticou que "15 anos" de parálise "na protección do galego por parte da Xunta”.

Máis financiamento

"Fronte a esta situación de desamparo cómpre redobrar os esforzos para aumentar a protección do galego e do resto das comunidades lingüísticas na Galiza e en Europa", salientou Miranda, quen sinalou a necesidade de incrementar o financiamento de contidos nestas linguas, nos medios e no sector audiovisual.

Neste sentido, fixo referencia a discriminación que acaba de facer o Goberno do PP co xornal 'Nós Diario', negándolle subvención pública malia ser un medio de comunicación escrito integramente en lingua galega.

Outras realidades lingüísticas

Xunto a Ana Miranda, na mesa redonda participaron Davyth Hicks, secretario xeral da Rede Europea para a Igualdade Lingüística-ELEN; Paul Bilbao, secretario xeral de Kontseilua; e Lisandru de Zerbi, tenente de alcalde e delegado de Lingua e Cultura Corsa e Xuventude do Concello de Bastia (Córsega).

A mesa foi moderada por Iñaki Irazabalbeitia, membro da Coppieters Foundation e ex eurodeputado. Posteriormente interviron representantes políticos de Irlanda, Catalunya, Flandes e Escocia.

Todos os poñentes coincidiron en salientar que falar a lingua propia é un dereito que de debe ser respectado e que a Unión Europea ten que habilitar mecanismos para por fin á discriminación.

Comentarios