37.000 persoas falan galego en Asturias

A casa do concello de Boal acolleu na xornada de onte a presentación do Informe lingüístico do Navia-Eo. Sen fronteiras: galego de asturias. O relatorio sinala que arredor de 37.000 persoas teñen o galego como idioma nas terras estremeiras do Eo-Navia

Acto en Boal de presentación do do Informe lingüístico do Navia-Eo
photo_camera Acto en Boal de presentación do 'Informe lingüístico do Navia-Eo'. (Foto:Axuntar)

Axuntar, Asociación para a normalización do galego de Asturias, xuntou na xornada de onte ducias de persoas en Boal para presentar o seu traballo sobre a situación do galego na área do Eo-Navia. O acto contou coa intervención do presidente do colectivo, Moisés Cima, do lingüista da Universidade de Oviedo, Xabier Barcia, da lingüista da Universidade de Tromso, en Noruega, Natalia Jardón e do directivo de Axuntar, Enrique González.

O traballo elaborado polos lingüistas de Axuntar sinala que “o numero de falantes galegos deste territorio estímase que é duns 37.000”. Os dados achegados por este colectivo proceden do Estudio de la Transición Lingüística na zona Eo‑Navia (ETLEN), un documento elaborado pola Universidade de Oviedo.

O espazo de uso do galego  en Asturias está delimitado polos ríos Eo e Navia, correspóndese cos concellos asturianos de Bual, Castropol, Coaña, Eilao, El Franco, Grandas de Salime, Ibias , Pezós, Samartín de Ozcos, Santalla de Ozcos, San Tiso de Abres, Tapia, Taramunde, A Veiga, Vilanova de Ozcos, e parte de Navia, Villayón, Ayande e o galego de Negueira de Muñiz e suma unha poboación de aproximadamente 50.000 habitantes.

A perda de galegofalantes é significada nesta zona. A este respecto, a III Encuesta Sociolingüística del Navia‑Eo, un traballo encargado pola Academia da Lingua Asturiana ao politólogo Francisco Llera Ramo e presentada en 2021, sinala que dous de cada tres residentes na área do Eo-Navia maiores de 16 anos teñen como primeira lingua o galego. Porén, o traballo destaca que “hai tres décadas eran tres de cada catro os que tiñan en exclusiva o galego como primeira lingua, polo que se observa un claro retroceso de nada máis e nada menos que de 29 puntos”.

Ensino

As dificultades para aprender e empregar o galego na comarca do Eo-Navia son moitas. Así, por exemplo, malia que a Lei de uso e promoción do asturiano de 1998 garante o ensino do galego nas etapas obrigatorias e non obrigatorias da educación, na practica non se oferta na maioría dos centros. Asemade, os mellores dados de escolarización danse na educación primaria, onde se imparte en 16 centros, a maioría deles das zonas rurais, cunha escolarización de 100% en catro.

Axuntar entende que “a regulación do galego e a do asturiano deben evitar o cuestionamento idiomático”. Neste sentido, demanda “darlles condición legal de idiomas oficiais propios de Asturias e solucionar os problemas derivados da súa falla de presenza digna nas institucións públicas, como poden ser a administración de xustiza ou o  sistema educativo”.

O colectivo “non quere esquecer que estes nosos idiomas están fóra dos actos sociais relevantes, fóra dos ámbitos de poder, das actividades económicas, dos medios de
comunicación social”, porén apuntan que “todos estes problemas partillados co asturiano son máis graves no caso do galego de Asturias polo cuestionamento
da súa identidade como idioma”.

Axuntar considera que “recoñecer a existencia de asturianos de fala galega é algo imprescindíbel no proceso de normalización dos idiomas minorizados de Asturias se realmente se quere abordar con rigor a súa protección e garantir os dereitos lingüísticos de toda a cidadanía”.


 

Comentarios