Aumentan as voces en defensa da oficialidade

"O galego non o trouxeron de fóra para aquí, falámolo": 37.000 falantes en Asturias piden os seus dereitos lingüísticos

O status para o galego na reforma do Estatuto de Autonomía de Asturias xera un debate no que as voces que piden a oficialidade desta lingua en igualdade de condicións co asturiano queren que se corrixa unha "discriminación" de vello. E lembran: son máis de 37.000 falantes.

a veiga asturies
photo_camera A Veiga, primeiro concello asturiano en facer o galego oficial.

Enrique González, 'Quique de Roxíos', naceu en Boal, un pequeno concello de 2.700 habitantes que atravesa o Navia, o río asturiano que traza a liña oriental até onde se fala galego. "O galego aquí non o trouxo ninguén, é de aquí, falámolo", afirma a Nós Diario este xurista e escritor. Son case unha vintena de concellos en Asturias onde se fala. Por volta de 37.000 falantes, segundo apunta Henrique Costas, filólogo e profesor da Universidade de Vigo.

"70% da poboación desta zona do occidente asturiano fala algunha das variantes do galego que hai. No conxunto de Asturias a porcentaxe de falantes de asturiano está en 25%"explica Costas a este diario. Unha lingua esta, o asturiano, que non se falaba nestas zonas, indica.

Máis de unha

A reforma do estatuto de Asturias trae da man o status para as linguas diferentes do castelán que se falan neste territorio, que non é só unha.

Sábeo ben, por exemplo, Abel Pérez, que era concelleiro socialista en A Veiga cando este municipio deu o paso en 2016 de declarar o galego oficial no seu territorio, o primeiro concello asturiano en facelo. "O PP daquela protestara algo dicindo que había cousas máis importantes en que centrarse e argumentos así. Mais non recorreu a ordenanza".

Pérez reclama para o galego no estatuto de Asturias "un status de oficialidade plena, como a que poida ter o asturiano". Lamenta a proposta actual de oficialidade do Goberno astur para esta lingua falada no occidente asturiano pois, considera, "fainos ficar como estamos".

Igualdade

Esa defensa da oficialidade para o galego en igualdade de condicións co asturiano é tamén defendida por 'Quique de Roxíos'. "Se o asturiano se declara oficial nas zonas onde historicamente se falou e onde ten presenza, pois igual para o galego-asturiano. Agora, se van estender a oficialidade do asturiano ao conxunto do territorio, pois igual que o galego, claro, non pode haber un trato discriminatorio", reflexiona.

Esa oficialidade para o galego no conxunto do territorio asturiano tamén a defenden Abel Pérez e Henrique Costas. "O Goberno asturiano nunca protexeu nin apoiou o galego malia ser unha das linguas que se fala neste territorio", indica Costas, que recoñece que o Executivo do Principado é o que "ten que lexislar" sobre esta cuestión mais defende que desde a Galiza se poida opinar "e non abandonar os falantes e defensores do galego dese territorio".

Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, tamén defende que o galego asturiano ten que ter "un recoñecemento pleno, tamén é unha lingua propia dese territorio". Sinala que ese recoñecemento debe traducirse en que sexa considerado un idioma oficial "e recoñecido como o que é, galego"

"Non existimos"

Ana García, veciña de Tapia, cre que se debe de avanzar para que esa "realidade" de que "aquí a xente fale galego, na rúa, entre eles..." teña un recoñecemento á hora de ter dereitos lingüísticos, como os falantes doutras linguas. E iso pasa, opina, pola oficialidade.

O escritor e xurista de Boal lembra, neste punto, que cando se aprobou o estatuto autonómico aínda vixente en Asturias "non se contemplou que había asturianos e asturianas que falaban galego, só se contemplou os do castelán e asturiano". 

Por iso, apunta, esta reforma debe de ser "unha oportunidade, por fin" para que se recoñeza que en Asturias "existe o galego, hai galegofalantes e que tamén teñen dereitos".

Enrique González insiste en que debe evitarse que "queiran converter o que falamos aquí como unha fala local, sen futuro" e reivindica que falan galego desde os tempos en que tamén esta lingua se falaba noutros territorios.

"No Mosteiro de Santa María, en Vilanova de Oscos, gardábanse textos en galego-portugués que datan do século XII, títulos de compra-venda", afirma. 

Lamenta que en certos sectores da sociedade, dos medios de comunicación ou da política haxa "un prexuízo" en base ao cal en Asturias non pode haber lingua e cultura galega que sexan propias e naturais nesa zona do Principado, senón que son algo alleo, estraño, algo que vén imposto deste fóra.

Nesta liña, a plataforma Axuntar avoga para que en Asturias se vexa con normalidade que "somos asturianos de fala galega", e que esta lingua fai parte da identidade desta zona. “Isto, evidentemente, implica o seu tratamento como o que é, o idioma galego propio de Asturias e do territorio Eo-Navia”.

O Bierzo e Seabra, máis recoñecemento

O Estatuto de Autonomía de Castela e León di que hai que protexer o galego nas zonas onde se fala, máis nada, e iso non implica dereitos lingüísticos para os galegofalantes", apunta Xabier Lago, berciano, membro do colectivo Fala Ceibe e que leva anos loitando pola oficialidade do galego nesta comarca fóra da Galiza administrativa onde a lingua galega ten por volta de 25.000 falantes repartidos nunha vintena de concellos. "Cremos que hai que recoñecer o galego como cooficial no estatuto mais iso implica unha reforma e ese debate agora mesmo non está sobre a mesa", recoñece Lago. El destaca o interese por esta lingua nas novas xeracións, "máis de 1.100 estudantes", ou o traballo para que Concellos e Consello comarcal do Bierzo recoñezan e empreguen un idioma que, engade con orgullo, "definimos como galego, sen engadir ningún outro termo".

Comentarios