A falla de dereitos condena o galego a unha continúa caída de falantes en Asturias

Asturias propón un status de segunda para o galego

A proposta de reforma do Estatuto de Asturias sitúa outra vez en primeiro plano a situación da variante eonaviega do galego. Unha alternativa que na opinión do movemento a prol da normalización do idioma fixa un trato discriminatorio para as 50.000 persoas residentes no espazo xeográfico e cultural delimitado polos ríos Eo e Navia.

Manifestación en Xixón en 2019 defensa da oficialidade do galego e do asturiano. (Foto: Plataforma pola Oficialidá do Gallego-Asturiano) #galego #lingua #asturies
photo_camera Manifestación en Xixón en 2019 defensa da oficialidade do galego e do asturiano. (Foto: Plataforma pola Oficialidá do Gallego-Asturiano)

O presidente de Asturias, o socialista Adrián Barbón, está decidido a apurar o proceso de reforma estatutaria. Un dos aspectos máis controvertidos do mesmo é a mudanza no réxime xurídico do asturiano e da variante eonaviega do galego. Tanto é así que Partido Popular e Vox xa teñen adiantado o seu voto negativo no caso de estabelecer dereitos para outras linguas diferentes á española. Porén, os colectivos que traballan pola normalización do eonaviego observan con preocupación os termos da discusión e algunhas das alternativas formuladas.

O xurista e escritor Enrique González “Quique de Roxios” considera en declaración a Nós Diario que “hai unha desigualdade de trato, porque se fixa a oficialidade do asturiano para todo o territorio pero o galego-asturiano só vai ser oficial nos 18 concellos da área Eo-Navia”. “Estamos vendo unha situación perigosa”, continúa González, quen considera que “o idioma fica recluído nun espazo limitado e dáselle unha cualificación coa que se tenta agochar a súa filiación lingüística. A idea é convertelo nunha fala local”.

O profesor da Universidade de Vigo Henrique Costas sinala a Nós Diario que “a intención do Goberno de Asturias é facer do asturiano idioma oficial en todo o territorio, mesmo onde non se fala, como acontece nas terras entre o Eo e o Navia”.

Na mesma liña, amósase moi crítico coa proposta de denominar o idioma como “Eoanaviego, cando sempre se falou de galego-asturiano. Esta é unha iniciativa da Academia asturiana, a única do mundo que tutela dúas linguas, cuxa idea é que o idioma falado entre o Eo e o Navia non ten relación co galego”.

Denuncia ao Consello de Europa

A alternativa recollida no articulado do novo texto estatutario confirma os temores do movemento a prol da restauración do galego de Asturias. Así, o Colectivo Eonaviego, entidade que agrupa colectivos e persoas que traballan a prol da normalización, advertía en 2019, nun informe remitido ao Consello de Europa, dunha “diferenciación clara entre a cidadanía asturiana: por un lado, os asturparlantes, cos seus dereitos ben recoñecidos, aínda que non se cheguen a plasmar con total contundencia, e polo outro os galegofalantes de Asturias, que non teñen recoñecidos os seus dereitos de atención nas administracións públicas asturianas, é dicir, os concellos onde se fala de xeito tradicional o eonaviego, sen poder, teoricamente, dirixirse ás administracións centrais do Principado de Asturias en eonaviego por unha falla de visión espacial das leis vixentes”.

A situación do galego en Asturias é delicada. A este respecto, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, afirma a Nós Diario que “o nivel de protección do galego en Asturias é moi inferior ao dos territorios galegofalantes de Castela-León, onde o carácter oficial do galego está recollida no Estatuto, permitindo un papel de arbitraxe dos organismos internacionais”.

Neste sentido, lembra que “malia que a Lei de Uso e Promoción do Asturiano de 1998 garante o ensino da variante eonaviega do galego nas etapas obrigatorias e non obrigatorias da educación, na práctica non se oferta na maioría dos centros”.

A perda de galegofalantes non dá tregua na comarca do Eo-Navia. Segundo sinalan desde o Colectivo Eonaviego, “os datos máis actuais, non só os das enquisas, senón o das percepcións sociais inéditas, indican un decrecemento das falantes do eonaviego tamén marcado por unha lenta perda de habitantes da zona e dun avellentamento avanzado que vai moi rápido nos concellos máis interiores”. Os datos recollidos no último dos estudos sobre os usos lingüísticos na zona, elaborado en 2002, indican que o 72% dos e das residentes na comarca decláranse galegofalantes.

Comentarios