Xi subliña en Rusia que a maioría do mundo apoia "aliviar tensións" en Ucraína

Avanzan os contactos entre Beijing e Moscova no contexto do plan de paz presentado pola China para acabar co conflito en Ucraína. Ao tempo, Beijing pide a Washington que respecte Honduras pola súa decisión de rachar as relacións con Taiwán.

Xi Jinping, presidente chinés (Foto: Kremlin / DPA).
photo_camera Xi Jinping, presidente chinés. (Foto: Kremlin / DPA)

O presidente ruso, Vladimir Putin, e o seu homólogo chinés, Xi Jinping, iniciaron onte as negociacións formais arredor da cooperación económica e dos proxectos conxuntos no marco da visita do mandatario da China a Rusia, que finaliza hoxe.

No que atinxe á primeira xornada da estancia de Xi, a segunda feira, o Ministerio de Asuntos Exteriores chinés confirmou que ambos os líderes conversaron catro horas e media sobre a guerra en Ucraína despois da presentación do plan de paz chinés.

Na xuntanza, Xi salientou que “a maioría dos países apoia que se alivien as tensións” con respecto ao conflito, e fixo fincapé en que as “voces racionais e pacíficas” están a aumentar constantemente e reclaman que “se promova a paz e as conversas, e se opoñen a que se engada máis leña ao lume”.

Pola súa parte, Moscova sinalou que “houbo un intercambio de opinións moi completo”, un día despois de que Putin recalcara que estudaría o plan e o debatería con Xi. Prevese que o presidente chinés converse co mandatario ucraíno Volodimir Zelenski unha vez remate a visita oficial a Rusia.

Ao tempo, os países da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) criticaron a visita de Xi. O secretario xeral da alianza militar liderada polos Estados Unidos, Jens Stoltenberg, volveu advertir que Beijing podería vender armamento letal a Rusia para fortalecer a súa invasión en Ucraína, malia que admitiu que “non vimos probas de que estea entregando armas letais a Rusia”.

Asemade, o voceiro de Exteriores chinés, Wang Wenbin, instou Washington a respectar “o dereito de todos os países a decidir independentemente as súas políticas exteriores e deixar de interferir nos asuntos soberanos doutros países”, tras facerse público que as autoridades estadounidenses están a premer Honduras para que dea marcha atrás na decisión anunciada a semana pasada de recoñecer a República Popular da China en detrimento de Taiwán.

Arredor da orde de arresto emitida pola Corte Penal Internacional contra Putin pola súa presunta responsabilidade na deportación de crianzas das zonas controladas en Ucraína polas tropas rusas, o embaixador ruso perante a Organización das Nacións Unidas, Vasili Nebenzia, sostivo que o asunto foi “totalmente esaxerado”, e que “simplemente queríamos evitarlles o perigo que as actividades militares puidesen causar, iso é todo”. +

Neste sentido, destacou que as crianzas volveran ao seu lugar de orixe “cando as condicións sexan seguras”.

Comentarios