Beijing ultima a súa proposta de paz entre as advertencias da OTAN

Os vínculos con Moscova preocupan nos EUA, que reiteraron ao longo desta semana as alertas sobre á China ás portas de que o país asiático publique o seu plan de paz en Ucraína.
Xi Jinping, presidente chinés. (Foto: Li Xueren / Xinhua News / Contactophoto)
photo_camera Xi Jinping, presidente chinés. (Foto: Li Xueren / Xinhua News / Contactophoto)

Pouco despois de que a China presentara a súa proposta para garantir unha paz duradeira no planeta baseada no multilateralismo, e apenas horas antes -segundo a prensa internacional- de que o presidente chinés Xi Jinping presente o seu plan para impulsar negociacións de paz en Ucraína, o secretario xeral da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), Jens Stoltenberg, insistiu onte en que detectaron “sinais” de que Beijing “está a considerar e pode estar planeando” enviar armamento letal a Rusia para combater en Ucraína.

A mensaxe, reiterada a última semana pola alianza militar liderada polos Estados Unidos (EUA), o propio Washington e a Unión Europea, que o cualificaron de liña vermella, foi refutada polo Ministerio de Asuntos Exteriores chinés, que incidiu en que esta posibilidade non está na súa axenda.

Nese sentido, subliñou que a diferenza da China os EUA son o maior provedor de armas ao campo de batalla en Ucraína, inquirindo se “lle parece aceptábel dicir ao mundo que quere a paz pero se limita a observar como a súa industria de Defensa enche os petos”.

“Todos vimos o que fixeron os EUA en Afganistán coa súa estratexia de loitar até o último afgán, agora quere que Ucraína loite até o último ucraíno?”, preguntou, e reclamou a Washington que “deixe de avivar o lume e sacar proveito del” e aposte polo compromiso de “promover conversas de paz como a China está a facer”.

Amais, o voceiro do Departamento de Estado dos EUA, Ned Price, sinalou que a preocupación pola sintonía entre Beijing e Moscova explícase en que estes países non comparten “a visión dunha orde baseada en normas, dunha orde liberal de democracias que conviven pacificamente”.

En todo caso, hai unha importante diverxencia entre a percepción da guerra nos países occidentais e no resto do mundo, como amosa que só unha cuarta parte dos Estados (membros ou socios da OTAN) aceptaran impor sancións unilaterais a Rusia.

Un traballo demoscópico publicado polo Consello Europeo de Relacións Exteriores revela que na India, Turquía ou a China a maioría da poboación pide que a guerra acabe canto antes aínda que implique que Ucraína perda territorio. Pola contra, nos EUA e o Reino Unido a opinión maioritaria é que Kíiv debe recuperar o control de todo o país a calquera custo, cunha posición máis equilibrada na Unión Europea.

Ao tempo, as Nacións Unidas tiñan previsto votar esta madrugada a resolución non vinculante de condena á invasión rusa presentada por Kíiv co apoio da OTAN coincidindo co primeiro aniversario.

Comentarios