A Corte Penal Internacional emite unha orde de arresto contra Putin

O tribunal acusa Moscova de deportación forzosa de crianzas, un extremo que Rusia nega. En todo caso, o país —como os Estados Unidos- non é asinante do Estatuto de Roma que creou a Corte Penal Internacional. Ao tempo, Xi Jinping estará en Rusia a segunda feira para abordar o plan de paz chinés para Ucraína.
O presidente ruso, Vladímir Putin. (Foto: Kremlin)
photo_camera O presidente ruso, Vladímir Putin. (Foto: Kremlin)

A Corte Penal Internacional (CPI) fixo público nas últimas horas que emitiu unha orde de detención contra o presidente ruso, Vladimir Putin, ao que acusa de ser responsábel de crimes de guerra pola deportación forzosa de crianzas dos territorios capturados en Ucraína polas tropas rusas, que Moscova nega. Tamén se pide a detención de Maria Lvova-Belova, comisionada presidencial para os dereitos das crianzas en Rusia.

A voceira do Ministerio de Asuntos Exteriores ruso, Maria Zajarova, sostivo que a CPI non “ten ningunha importancia para o noso país, nin sequera en termos xurídicos”, ao non formar parte Rusia do Estatuto de Roma que creou a institución, do mesmo xeito que os Estados Unidos.

As ordes de arresto chegan pouco máis dun ano despois do comezo das investigacións, impulsadas polo financiamento outorgado á CPI por varios países da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) e aliados, coa colaboración dos Estados Unidos, que en 2020 sancionou varios membros do tribunal por investigar os crimes estadounidenses en Afganistán e israelís en Palestina. Malia que as pescudas descubriron crimes de guerra non foron emitidas ordes de arresto.

Amais, o Kremlin confirmou esta quinta feira que o presidente chinés, Xi Jinping, aterrará a segunda feira en Moscova para unha visita oficial de tres días na que se abordará a guerra en Ucraína. É “unha visita de paz”, destacou o voceiro do Ministerio de Asuntos Exteriores do país asiático, Wang Wenbin, incidindo en que o país terá "un papel construtivo na promoción das conversas de paz".

24 horas antes, os titulares de Exteriores chinés e ucraíno, Qin Gang e Dmitro Kuleba, conversaron por teléfono sobre a proposta de paz lanzada por Beijing para impulsar negociacións de paz que poñan punto e final ao conflito, reforzada após a mediación chinesa que permitiu restabelecer as relacións entre Irán e Arabia Saudita.

En paralelo ao anuncio da visita de Xi, a Unión Europea reiterou a mensaxe difundida desde a OTAN unha vez que se fixo público que a China efectuaría unha proposición para desenvolver conversas de paz en Ucraína, e subliñou a “preocupación” pola suposta intención chinesa de vender armamento letal a Rusia.

En Turquía, o presidente do país, Recep Tayyip Erdogan, ratificou que iniciaron os trámites no lexislativo para aprobar a adhesión de Finlandia á alianza militar liderada por Washington.

Amais, un comité da Cámara de Representantes estadounidense corroborou que membros da familia do presidente Joe Biden recibiron 1,2 millóns de euros dunha empresa chinesa.

Comentarios