Xi Jinping, elixido para un terceiro período como presidente chinés

A reactivación da economía é un dos maiores retos que enfrontará Xi neste período, coinciden os medios chineses e internacionais, que tamén fan fincapé na importancia da cuestión de Taiwán.
Xi Jinping, presidente da China, no centro. (Foto: Ju Peng / Xinhua News / Contactophoto)
photo_camera Xi Jinping, presidente da China, no centro. (Foto: Ju Peng / Xinhua News / Contactophoto)

A Asemblea Popular Nacional da China nomeou onte após unha votación unánime a Xi Jinping para ocupar a Presidencia do país por terceiro período consecutivo, co que se converterá no xefe de Estado con máis tempo no cargo desde a fundación da República Popular da China en 1949.

Asemade, Xi foi reelixido para dirixir a Comisión Militar Central do país. A Cámara tamén votou por Zhao Leji como presidente do lexislativo e Han Zheng como vicepresidente do Estado asiático. Prevese que Li Qiang sexa seleccionado como novo primeiro ministro.

O terceiro mandato do presidente é posíbel tras unha reforma constitucional que eliminou en 2018 o límite previo de dous períodos.

A sesión do parlamento tamén permitiu escenificar o ascenso da China a nivel internacional, co propio Xi acusando os Estados Unidos de tratar de frear o desenvolvemento chinés no marco dunha liña política que considera a hexemonía estadounidense en declive e intenta pular por un Goberno global baseado no multilateralismo, explica Foreign Policy.

Ao tempo, e vinculado coa maior polarización entre Washington e Beijing, as lexisladoras e lexisladores chineses concentraron a maioría dos seus esforzos na sesión en perfilar unha reforma política para fortalecer as capacidades chinesas no sector tecnolóxico, baseada na autosuficiencia nos ámbitos chave como muro de contención para protexer o seu desenvolvemento.

No aspecto económico -un dos maiores retos para Xi nesta lexislatura segundo os medios locais e internacionais- o crecemento previsto neste ano é de 5%, nun exercicio no que busca reactivar a economía tras a relaxación das medidas para combater a Covid-19 e acabar coa crise no sector inmobiliario.

Conflito cos EUA por Taiwán

Ademais, e máis aló das reiteradas mensaxes dos Estados Unidos cuestionando a neutralidade chinesa na guerra de Ucraína, o factor máis importante para Beijing é Taiwán e a reunificación do país, un elemento recorrente nas relacións bilaterais polas vendas de armas e o apoio de Washington a Taipei.

Esta situación e a expansión das operacións da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) cara ao océano Pacífico xustifican, indican as autoridades chinesas, o aumento do orzamento militar, que aínda sendo o segundo máis grande do mundo é arredor dunha cuarta parte do gasto en Defensa estadounidense.

Comentarios