A UE tende a man a Armenia para axudar no éxodo das persoas que foxen desde Artsakh

O Tratado de Roma dificulta a relación diplomática entre Moscova e Ereván.
Ursula von der Leyen (Foto: Nicolas Landemard / Europa Press / Contacto).
photo_camera Ursula von der Leyen (Foto: Nicolas Landemard / Europa Press / Contacto).

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, expresou esta terza feira, despois dunha chamada ao primeiro ministro, Nikol Pashinián, o apoio da Unión Europea (UE) a Armenia no contexto da crise migratoria pola fuxida cara a este Estado da poboación de Artsakh, provocada polo ataque rápido e a posterior toma de control deste territorio por parte de Acerbaixán no mes de setembro.

Neste sentido, Von der Leyen enviou a Armenia o comisario de Xestión de Crise, Janez Lenarcic, para avaliar a situación do terreo. A xefa do Executivo comunitario subliñou o compromiso da UE con este Estado para atender as miles de persoas refuxiadas procedentes e Artsakh, despois de recalcar que xa mandou axuda humanitaria por valor de 5,2 millóns de euros a Ereván (capital de Armenia).

Sinatura do estatuto do TPI

Von der Leyen fixo estes anuncios nunha xornada na que o Parlamento de Armenia ratificou o Estatuto de Roma, a base do Tribunal Penal Internacional (TPI), o que abre a porta a que o Estado estea obrigado a acatar ordes de arresto pendentes, entre elas a que ten o presidente de Rusia, Vladimir Putin.

A pesar das advertencias de Moscova sobre as consecuencias diplomáticas da sinatura e de que Armenia é un aliado tradicional de Rusia, o presidente do Comité para Asuntos Exteriores do Parlamento armenio, Sargis Jandanián, manifestou esta terza feira que "a ratificación do Estatuto de Roma débese puramente aos intereses de Armenia".

Pola súa parte, o portavoz do Kremlin, Dimitri Peskov, mostrou o "total desacordo" de Rusia coa decisión tomada polo Parlamento de Armenia, aínda que apostou por atopar "algún tipo de solución diplomática sobre este tema".

Comentarios