Medra a tensión en Artsakh: Acerbaixán avanza "novas represalias" pola morte dun militar

As autoridades azeríes comezan a deter e xulgar por delitos como terrorismo altos cargos da República de Artsakh, que xa anunciou a súa disolución a partir de xaneiro de 2024, mentres o Goberno de Armenia pide ao Tribunal da Haia que interceda para garantir a seguridade dos milleiros de persoas desprazadas.
Bakú denuncia a morte dun dos seus soldados polos disparos dun francotirador armenio. (Foto: Europa Press / Contacto / Gilles Bader)
photo_camera Bakú denuncia a morte dun dos seus soldados polos disparos dun francotirador armenio. (Foto: Europa Press / Contacto / Gilles Bader)

Medra a tensión en Artsakh. O Ministerio de Defensa de Acerbaixán advertiu este sábado que tomará novas "medidas de represalia" logo de informar da morte dun militar das súas Forzas Armadas polos disparos dun francotirador do Exército armenio nesta rexión en disputa. A través dun comunicado, o Ministerio fala de que este mediodía "unidades do Exército armenio abriron fogo contra posicións azeríes na poboación de Zarkand".

Os disparos, aseguran desde Bakú, ían dirixidos contra os efectivos do Exército de Acerbaixán despregados no territorio de Ashaghi Ayrim e, como resultado dos mesmos, o militar azerí Orujov Vusal Kheybali "acabou convertido en mártir", nun episodio sobre o que Armenia aínda non se pronunciou.

De forma paralela, as autoridades azerís comezan a despregar unha ofensiva xudicial para arrestar e xulgar os principais líderes de Artsakh. Nas últimas horas Acerbaixán detivo o ex ministro de Defensa, Lyova Mnatsakanián, cando tentaba abandonar a zona a través do paso de Lachín. Mnatsakanián está agora en Bakú, onde será posto a disposición das autoridades pertinentes, "que tomarán unha decisión correspondente".

Os servizos de seguridade de Acerbaixán tamén informaron esta sexta feira do arresto do subcomandante das Forzas Armadas da rexión —que xa anunciou a súa completa disolución a partir de xaneiro de 2024— Davit Manukian, por cometer "actos terroristas" e liderar un grupo armado en Artsakh.

E este sábado a Fiscalía Xeral de Acerbaixán imputou por terrorismo, entre outros delitos, o ministro de Exteriores da autoproclamada república, David Babayan, que se entregou el mesmo na sexta feira ás autoridades. Está acusado de "planificar, preparar, iniciar e levar a cabo unha guerra de agresión", así como da "organización de actos terroristas" e de "violar as normas do Dereito Internacional Humanitario".

Armenia acrecenta o medo á "limpeza étnica"

As autoridades armenias, pola súa parte, veñen de rexistrar unha solicitude diante do Tribunal da Haia para exixir a adopción de "medidas cautelares" a Acerbaixán co obxectivo de protexer a poboación de Artsakh tras a toma do control da zona por parte do Exército azerí. "Acerbaixán absterase de adoptar calquera medida directa ou indirecta que teña por efecto desprazar persoas de etnia armenia de Nagorno Karabaj (Artsakh) ou impedir o regreso seguro e rápido aos seus fogares dos desprazados polo recente ataque militar", reza o texto.

Son xa máis de 70% da poboación total, segundo as cifras achegadas polo Goberno de Armenia, as que abandonaron nos últimos días a rexión de Nagorno Karabaj para pór rumbo ao país con capital en Ierevén. Detrás desta fuxida masiva está o temor a unha limpeza étnica por parte de Acerbaixán, rexeitado polo Executivo de Ilham Aliyev en Bakú mais coherente coas guerras sanguentas e o desprazamento forzoso de poboación que protagonizaron mutuamente o país e Armenia no último século.

Aliás, a parte armenia pide a retirada de todo o persoal militar, á vez que lembra a obriga de Acerbaixán de non impedir o acceso de equipos da ONU e de oenegués de axuda humanitaria, así como non entorpecer o seu traballo, co obxectivo de asistir os milleiros de persoas refuxiadas.

Comentarios