A UE eleva a 3.000 millóns de euros os envíos de armamento a Ucraína

As autoridades ucraínas reportan novos ataques rusos á Kíiv. Ao tempo, o bloque comunitario resolve aumentar os envíos de armamento militar.
Danos nun edificio de Kíiv, onte. (Aleksandr Gusev / SOPA Images via / DPA)
photo_camera Danos nun edificio de Kíiv, onte. (Aleksandr Gusev / SOPA Images via / DPA)

Os Estados membros da Unión Europea (UE) aprobaron onte unha nova rolda de financiamento para material militar a Ucraína de 500 millóns de euros. Desde a entrada de Rusia na guerra a finais de setembro, o bloque comunitario remitiu armamento por valor de 3.000 millóns de euros.

O Alto representante da UE para Política Exterior, Josep Borrell, ratificou que seguirán a apoiar Kíiv “durante o tempo que sexa necesario”, acusando Moscova “dunha total falta de respecto polos dereitos humanos e o dereito internacional”.

Ao tempo, Bruxelas deu luz verde a unha misión de adestramento de 15.000 militares ucraínos cun orzamento de arredor de 60 millóns de euros. Está previsto que Polonia sexa o centro principal desta iniciativa.

Ademais, as autoridades ucraínas denunciaron unha nova vaga de ataques do Exército ruso con drons na capital, informando de que provocou a morte de catro persoas e criticando Irán por proporcionar esas armas a Rusia. Porén, o Goberno iraniano respondeu que “non deu armamento á ningunha das partes”, e reclamou unha solución política para acabar co conflito.

Nese sentido, o voceiro do Ministerio de Defensa ruso, Igor Konashenhov, asegurou que os ataques con armas “de alta precisión” estiveron dirixidos a “instalacións militares” e infraestrutura do sistema eléctrico.

Pola súa parte, a Organización do Tratado do Atlántico Norte comezou onte uns exercicios dirixidos á disuasión nuclear que decorrerán até 30 de outubro en Bélxica, Reino Unido e o mar do Norte. O seu secretario xeral, Jens Stoltenberg, defendeu que estas manobras xa estaban previstas.

Porén, a Coalición belga contra as armas nucleares indicou que “é irresponsábel celebrar eses exercicios en condicións de alta tensión nuclear nas relacións con Rusia”.

No que atinxe ao despregue de tropas rusas en Belarús conxuntamente coas Forzas Armadas deste país, o ministro de Defensa belaruso, Viktor Jrenin, estimou en 9.000 os militares que enviará Moscova, reiterando que “non imos atacar ninguén” e que procuran garantir a súa seguridade nacional perante a situación internacional.

Aumento da pobreza

Amais, o Fondo de Nacións Unidas para a Infancia (Unicef) advertiu dun incremento de 19% nas cifras de pobreza infantil en Europa do Leste e Asia Central desde 2021, que atribuíu ao incremento do custo da vida e ás consecuencias derivadas da guerra en Ucraína.

Comentarios