A guerra de Ucraína e a inflación sitúan catro millóns de crianzas máis por baixo do limiar da pobreza

Un informe de Unicef sostén que até 4.500 crianzas morrerán nos próximos doce meses antes do seu primeiro aniversario. A entidade reclama unha "prestación monetaria universal" para paliar a carestía.
Tres refuxiadas ucraínas son guiadas por policías tras cruzar a fronteira con Polonia cos seus bebés (Foto: Michael Kappeler / dpa).
photo_camera Tres refuxiadas ucraínas cruzan a fronteira con Polonia cos seus bebés. (Foto: Michael Kappeler / dpa)

Unicef presentou esta segunda feira un informe no que sostén que a pobreza infantil medrou 19% en Europa Oriental e Asia Central desde 2021, isto é, catro millóns de crianzas máis durante os últimos doce meses debido principalmente á guerra de Ucraína e ao aumento da inflación.

Neste documento, publicado con motivo do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, Unicef alerta dun "efecto dominó" provocado pola pobreza, que adoita provocar "un forte aumento do abandono escolar e da mortalidade infantil". O informe recolle datos de 22 países da rexión e sitúa a infancia no punto de mira da crise económica provocada polo conflito. Aínda que os nenos e nenas constitúen até 25% da poboación total, representan perto de 40% dos 10,4 millóns de persoas máis en situación de pobreza este ano.

En termos de países, Rusia representa case as tres cuartas partes do aumento total do número de crianzas que viven na pobreza debido á guerra de Ucraína e á crise de prezos e o consecuente aumento do custo da vida na rexión, con 2,8 millóns de nenos e nenas máis vivindo agora en fogares por baixo do limiar da pobreza. En Ucraína, sinala o fondo da ONU, agora hai medio millón de rapaces e rapazas máis que viven na pobreza, o segundo maior aumento, seguido de Romanía, con 110.000 crianzas máis en situación de pobreza.

O director xeral de Unicef para Europa e Asia Central, Afshan Khan, lamenta que, "máis aló dos obvios horrores da guerra, como o asasinato e mutilación de nenos ou os desprazamentos masivos, as consecuencias da guerra en Ucraína están a ter un impacto devastador nos nenos de Europa Oriental e Asia Central.

"Os nenos de toda a rexión", engade, "están a ser arrastrados polo terríbel ronsel da guerra" e, se non se fai nada ao respecto, "o profundo aumento da pobreza infantil provocará a perda de vidas, de aprendizaxe e de futuros".

Menores dun ano, en perigo de morte

Este aumento, advirte Unicef, significa que 4.500 nenos e nenas poderían morrer antes do seu primeiro aniversario e até 117.000 poderían abandonar a escola só este ano, segundo o estudo. Aliás, sinala que esta é unha crise "a moi longo prazo", pois unha de cada tres crianzas nadas e criadas na pobreza vivirá na mesma situación a súa vida adulta, o que levará a un "ciclo interxeracional de penurias e privacións".

O informe recomenda unha serie de solucións para tratar de reducir ao máximo este incremento, a comezar pola entrega dunha "prestación monetaria universal" e o incremento das axudas sociais. Ao mesmo tempo, Unicef reclama a protección do gasto social e a prestación de servizos sanitarios, nutricionais e de atención social ás mulleres embarazadas, bebés e nenas e nenos pequenos.

"As medidas de austeridade prexudicarán máis as crianzas, conducindo aínda máis á pobreza e dificultando as familias que xa se enfrontan a iso", engade Khan, que sentencia: "Temos que protexer e ampliar o apoio social ás familias vulnerábeis antes de que a situación empeore".

A pobreza na Galiza

Por outra parte, a Rede Galega contra a Pobreza presenta esta segunda feira o seu último balance da pobreza e a carestía na Galiza, con datos do ano 2021. O anterior informe, referido a 2020, situaba até 253.000 persoas en situación de pobreza severa.

Comentarios