A OTAN anuncia manobras "rutineiras" con armamento nuclear

Stoltenberg advirte que "non se pode gañar" unha guerra nuclear "nin tampouco se debe librar".
Jens Stoltenberg, secretario xeral da OTAN. (Foto: OTAN)
photo_camera Jens Stoltenberg, secretario xeral da Alianza Atlántica, en rolda de prensa esta terza feira. (Foto: OTAN)

O secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, reaccionou esta terza feira aos ataques das tropas rusas contra infraestruturas estratéxicas e civís en diferentes cidades de Ucraína nas últimas horas —en "resposta" ao ataque con tres mortos á ponte de Crimea— e que se saldou con 19 persoas falecidas.

Stoltenberg dixo que a OTAN "apoiará Ucraína o tempo que for preciso", e engadiu que, se ben a organización militar non é parte do conflito, "o apoio está a xogar un papel chave" no decurso da guerra.

Esta quinta feira Jens Stoltenberg presidirá unha reunión do Grupo de Planificación Nuclear para "discutir a perigosa retórica nuclear de Rusia e o papel da capacidade nuclear da OTAN para preservar a paz e disuadir a agresión".

E próxima semana a Alianza Atlántica levará a cabo un "exercicio de disuasión", denominado Streadfast Noon, con armamento nuclear. "É un exercicio rutineiro que se realiza todos os anos para manter a nosa disuasión segura e efectiva", asegurou.

Ao mesmo tempo, Stoltenberg apuntou que "non se pode gañar" unha guerra nuclear "nin tampouco se debe librar", se ben matizou que a OTAN está "alerta" mais non detectou "cambio ningún" na postura de Rusia "a pesar das últimas ameazas", que cualificou de "perigosas e irresponsábeis".

Tulsi Gabbard deixa o Partido Demócrata 

Por outra parte, a ex congresista e candidata á Presidencia dos EUA en 2020 Tulsi Gabbard avanzou esta terza feira a súa saída do Partido Demócrata: "Non podo seguir nun partido que agora está baixo o control total dunha camarilla elitista de belicistas impulsados por un espertar covarde".

Dixo, aliás, que a actual clase política conduce o país "cada vez máis perto da guerra nuclear". "Creo nun goberno que sexa de, por e para o pobo. Por desgraza, o Partido Demócrata de hoxe non o é", engadiu.

Comentarios