Ucraína admite unha carencia de municións no país e "todo o mundo"

Erdogan leva ao Parlamento a ratificación da adhesión de Suecia á OTAN.
Volodimir Zelenski. (Foto: Ukraine Presidency / Europa Press / Contacto)
photo_camera Volodimir Zelenski. (Foto: Ukraine Presidency / Europa Press / Contacto)

“Temos un enorme déficit de municións non só en Ucraína senón en todo o mundo”, onde as municións “se esgotaron, todos os almacéns están baleiros”, sostivo hoxe ao xornal Financial Times o primeiro ministro ucraíno, Denis Shmygal, apuntando que “entendemos que debemos producilas aquí en Ucraína”.

Estas declaracións prodúcense no medio do temor do Goberno de Volodimir Zelenski en Kíiv, segundo trasladaron medios internacionais, a que o aumento da entrega de armamento a Israel por parte dos Estados Unidos vaia en detrimento das armas que envía a Ucraína, tendo en conta a dependencia do Exército ucraíno dos paquetes de armamento que manda a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), a alianza militar liderada por Washington. Desde a invasión rusa, a OTAN entregou a Kíiv case 90.000 millóns de euros en armamento, case a metade procedente dos Estados Unidos.

Encontro de Zelenski coa UE

Ao tempo, Zelenski reuniuse cunha quincena de comisarios do Executivo da Unión Europea por videoconferencia, reiterando que avanzar no proceso de integración de Kíiv é unha “oportunidade histórica”, dúas semanas antes da data prevista polo bloque comunitario para emitir o seu ditame sobre o comezo das negociacións de acceso con Ucraína.

Entrada de Suecia na OTAN

Pola súa parte, o presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, asinou o protocolo de ratificación para a entrada de Suecia na OTAN e remitiuno á Grande Asemblea Nacional, da que depende a súa aprobación, logo de que Erdogan exixira que Washington aceptara vender ao país avións de combate e mudanzas nas leis antiterroristas de Estocolmo. Cando sexa validado só restará a luz verde do lexislativo húngaro.

Comentarios