Opinión

Nove anos de guerra no Leste

Durante o ano 2022 produciuse un cambio copernicano nas relacións internacionais, coa implicación directa de Rusia no conflito do Donbass. Todo aquilo que se consideraba incontestábel e permanente sufriu unha demolición sísmica e as relacións entre o leste e o oeste deixaron atrás décadas de unilateralismo anglosaxón.

Non foi algo que ocorrese de súpeto, a rebelión rusa contra o omnipotente statu quo occidental —imperial, expansionista, unilateral, excepcional, militarista, soberbio e profundamente espoliador— foise xestando durante uns longos trinta anos, a base de desenganos, humillacións (guerra de Serbia), expansionismo da OTAN cara ao leste, revolucións de cores, golpes de Estado, acordos de paz incumpridos (Minsk) e sabotaxes cuxo fin último era o sometemento e a desmembración da Federación Rusa, como se admite agora sen pudor.

EUA non quere máis democracia, xa existe dende hai máis de trinta anos en Rusia, nin mellor nin peor que a de Occidente. Tampouco quere fortalecer a paz mundial, como vemos cada día.
A OTAN quería intentar de novo o que non puido lograr nos 90 (o saqueo sistemático da inmensa riqueza de Rusia grazas á alianza depredadora da nova oligarquía rusa e o capital especulativo occidental). Un país de poderosa cultura, fortaleza científica e historia milenaria non podía tolerar ese estado de cousas. A rebelión comezou amodo, eliminando a quinta columna interna económica e as mafias armadas que pretendían converter Rusia no Chicago dos anos 30. 

Ese proceso non estivo exento de violencia, como ocorre coa guerra contra o crime organizado, pero tivo a virtualidade de lograr a paz interior, o despegue da economía e o rexurdimento industrial, superando nalgúns sectores o poderío da antiga Unión Soviética. Foi o modelo escollido polos rusos, a súa opción soberana.

Por iso, a OTAN promoveu o golpe do Maidán en Kíiv en 2013, derrocando o Goberno lexítimo da Ucraína e rompendo as tradicionais boas relacións con Rusia dese país eslavo. Foi o prólogo da Guerra do Leste, impoñendo o novo Goberno (de influencia neonazi) medidas anti-rusas no Donbass, perseguindo as súas seculares institucións e organizacións políticas, culturais e sociais. Así comezou a guerra, coa rebelión dos patriotas do Donbass. 

E despois de que nin Occidente, nin os gobernos neonazis ucraínos, quixesen aplicar (durante oito anos) os acordos de paz de Minsk para pórlle fin (como recoñeceu cinicamente Merkel e outros dirixentes occidentais recentemente), Rusia invadiu Ucraína. 

Por tanto, a guerra é entre Rusia e a OTAN, unha guerra estratéxica. Quen perda verá no seu territorio un futuro de caos e cambios de difícil prognóstico. A UE equivocouse involucrándose nunha guerra que non lle beneficia de ningún xeito e as consecuencias xa son nefastas para a maioría.

Rusia, a maior potencia nuclear do mundo, non pode ser derrotada. Só os que ignoran a historia ou os crédulos de pensamento único cren o contrario. Só cabe a negociación (canto antes) ou a derrota de Occidente. Escollan. Por certo, Biden pediu permiso a Putin para aterrar en Kíiv a pasada segunda feira. Que valente! Todo ocultado polos grandes media.

Comentarios