Rusia afirma que a contraofensiva de Kíiv xa se pode dar por "completada"

Zelenski evita contestar as afirmacións de Moscova na súa visita a Odesa.
Vladimir Putin a segunda feira. (Foto: Kremlin / DPA)
photo_camera Vladimir Putin a segunda feira. (Foto: Kremlin / DPA)

O representante de Rusia ante as Nacións Unidas (ONU), Vasili Nebenzia, asegurou onte que, tras unha serie de operacións rusas na fronte da guerra nas últimas xornadas, pódese dar por "completada" a contraofensiva de Ucraína contra Moscova.

"Desde hai varios días, as tropas rusas iniciaron operacións de combate activo ao longo de case toda a liña da fronte. Polo tanto, a chamada contraofensiva ucraína xa pode considerarse completada", manifestou.

O representante ruso referiuse nestes termos no marco da reunión da ONU, convocada precisamente por Rusia, para discutir sobre as subministracións de armamento occidental ás Forzas Armadas de Ucraína.

O Goberno de Kíiv, pola súa parte, non se pronunciou aínda a respecto das declaracións de Nebenzia. O presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, desprazouse onte até a cidade de Odesa, onde mantivo unha reunión con militares e dirixentes da rexión.

Putin nega a implicación na sabotaxe dun gasoduto

O presidente de Rusia, Vladimir Putin, negou a posíbel implicación do seu Goberno na presunta sabotaxe sufrida polo gasoduto Balticconector, que enlaza Finlandia con Estonia, e ironizou sobre a importancia desta infraestrutura: "Nin sequera sabía que esta tubaxe existise".

As autoridades finlandesas advertiron de que unha fuga detectada no gasoduto parecía deberse a unha acción externa. Para Putin, as sospeitas sobre Moscova son unha "parvada". Ademais, o presidente ruso afirmou que este gasoduto non conta con tanta protección como os Nord Stream (atacados en setembro de 2022) e que a fuga non ten por que deberse sequera a unha acción intencionada.

Comentarios