Que levou ao estalido da guerra no Donbás en 2014?

Ucraína vive unha guerra civil centrada no Donbás desde 2014, cando foi derrocado o ex presidente Viktor Yanukovych. Esta guerra é unha das orixes do actual conflito bélico entre Rusia e Ucraína. A persecución cidadá e os referendos de autodeterminación foron os Casus belli das partes.
As autoridades do Donbás acusan o Batallón Azov e outros grupos de ultradereita de perpetrar torturas e violacións sistematizadas. (Foto: Yurii Rylchuk / Zuma Press / Contacto Photo)
photo_camera As autoridades do Donbás acusan o Batallón Azov e outros grupos de ultradereita de perpetrar torturas e violacións sistematizadas. (Foto: Yurii Rylchuk / Zuma Press / Contacto Photo)

Viktor Yanukovych (Partido das Rexións) foi deposto da Presidencia de Ucraína despois das protestas da praza do Maidán de Kíiv. Multitude de persoas partidarias do achegamento de Ucraína á Unión Europea (UE) saíron ás rúas a partir do 21 de novembro de 2013 en protesta pola suspensión dos Acordos de Asociación e Libre Comercio coa UE.

Unha presión ao Goberno de Yanukovych que se intensificou unha vez que este viaxou a Moscova o 17 de decembro de 2013 para selar un acordo co seu homólogo ruso, Vladímir Putin, polo que Rusia exportaría gas natural a Ucraína a prezo reducido e axudaría ao Estado na súa débil situación financeira.

O grupo ultradereitista Pravy Sektor foi un dos principais organizadores do movemento en Kíiv e instigador dos disturbios, onde tamén tivo un papel central o partido parlamentario de extrema dereita Svoboda.

Os disturbios foron crecendo en intensidade até o punto de que o 22 de xaneiro de 2014 as manifestacións rexistraron cinco mortos por primeira vez desde o seu inicio. 

A esixencia non era só o cambio económico cara á UE, senón a dimisión do Goberno, o que levou o primeiro ministro, Mikola Azárov, a deixar o seu cargo o 28 de xaneiro. A escalada da violencia obrigou o presidente Yanukovich e os principais líderes da oposición a asinar unha tregua entre o 19 e o 20 de febreiro.

Porén, xa era tarde, o día seguinte, o 21 de febreiro, ten lugar o coñecido como 'Xoves Negro', xornada na que perderon a vida nas 60 persoas. A tensión forzou Yanukovych a abandonar o país, sendo destituído pola Rada (Parlamento) de Ucraína.

Referendos

Unha das primeiras decisións da Rada após a saída de Yanukovych, o 23 de febreiro de 2014, foi derrogar a Lei Sobre os Fundamentos da Política Lingüística Estatal, así como limitar o uso da lingua rusa en Ucraína.

Yanukovych fora maioritariamente votado no leste do país, un feito que unido ao comezo da persecución da poboación rusófona, provocou descontento nas zonas do Donbás e de Crimea.

Neste contexto, no que unha parte da poboación afirmou sentirse perseguida e desconforme cunha política exterior que consideraba Rusia como inimigo, xerouse unha contestación que deu lugar a importantes protestas cidadás. 

O 6 de marzo de 2014 Crimea e a cidade de Sebastopol decidiron votar en referendo a súa adhesión a Rusia, aprobada por ampla maioría. O día 11 do mesmo mes declararon a súa independencia de Ucraína e federáronse a Rusia, que enviou tropas a estes territorios. A súa situación continúa en disputa entre Rusia e Ucraína. 

A tensión incrementouse cando o 13 de abril, co apoio dos países da OTAN, Ucraína aprobou levar a cabo a chamada 'Operación Antiterrorista' que habilitou o emprego da forza militar para repeler as protestas cidadás no leste do país. A situación de confronto xerou tamén un contexto no que os grupos paramilitares de ultradereita se atoparon impunes para desenvolver actividades violentas.

Así, a gran mobilización sindical do 1 de maio de 2014 en Odesa rematou coa ultradereita perpetrando unha masacre. Até 48 manifestantes, segundo as fontes oficiais ucraínas, morreron queimados ou tiroteados por axentes de ultradereita cando se refuxiaban na Casa dos Sindicatos de Odesa. Moitas outras persoas foron linchadas e vexadas.

Após a intensificación da violencia, as autoridades de  Luhansk e Donestk (na rexión do Donbás) convocaron un referendo para votar a súa independencia de Ucraína. O 11 de maio de 2014 resultou aprobada a independencia por 89% a favor en Donestk e 94% en Luhansk. 

Unha nova escalada no conflito tivo lugar cando o 2 de xuño Ucraína bombardeou o Concello de Luhansk e morreron oito civís. Os combates entre as forzas do Donbás e o Estado ucraíno medraron polo control do aeroporto de Donetsk, para despois estenderse a outras vilas e cidades. 

Os dous acordos de Minsk entre as autoridades do Donbás, Ucraína e Rusia en setembro de 2014 e febreiro de 2015 non conseguiron parar a guerra, que deixou case 14.000 persoas falecidas segundo cifras do propio Goberno ucraíno (das que 70% serían civís segundo as autoridades do Donbás) antes da recente invasión por parte de Rusia.

Comentarios